Delito de silencio
Federico Mayor Zaragoza
Tradución de Begoña Combo Castro
Editorial Trifolium, Iñás-Oleiros (A Coruña), 2011, 71 páxinas.
Apoloxía dos ociosos
Robert L. Stevenson
Tradución de Mª Fe González Fernández
Editorial Trifolium, Iñás-Oleiros (A Coruña), 2011, 48 páxinas.
Segue medrando a colección “Musa pedestris” da Editorial Trifolium. Desta volta coa publicación de dous breves ensaios: Delito de silencio, escrito polo ex Director Xeral da UNESCO, Federico Mayor Zaragoza, e Apoloxía dos ociosos do novelista, ensaísta e poeta escocés. Robert Louis Stevenson (1850-1894). Verten ao galego ambos os dous ensaios, directamente do castelán e do inglés, Begoña Combo Castro e Mª Fe González Fernámdez.
O texto de Mayor Zaragoza cómpre situalo no contexto das publicacións e movementos de concienciación e indignación que fixo abrollar Stéphabe Hessel. Unha chamada á implicación, á reconstitución democrática, para alén dos sistemas democráticos formais, que nos converta de súbditos en cidadáns, que nos impulse a inventar un mañá acorde coa igual dignidade de todos os seres humanos (páxina 11). Chegou o momento de pór en práctica todo iso fronte ao “gran dominio” (económico, enerxético, militar, mediatico) do mercado, dos grupos “plutocráticos”, das institucións públicas como o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e outras privadas:as axencias de cualificación de dubidosa imparcialidade que están a actuar de forma interesada e a prol dos mesmos que orixinaron a actual crise, impoñendo a súa ditadura económica e ditándolles aos Parlamentos como e cando suprimir os dereitos humanos e sociais da cidadanía, como atinadamente comenta a nota introdutoria do editor.
Con todo, o breve ensaio de Mayor Zaragoza deixa aberta a porta da esperanza para arranxar este mundo, confiando na “incontíbel marea do ciberespazo” que amplía a capacidade democrática e fai que o tempo da resignación e do silencio conclúan de vez. Unha chamada pois, clara e ardida, para berrar basta a un sistema que desembocou na actual crise e que nos chega non dun “aloucado” e inexperto líder revolucionario, senón en palabras reflexivas, aínda que enérxicas dun home á vez sabio e libre.
O editor galego de Apoloxía dos ociosos presenta este breve opúsculo como un canto á vida. E a fe que tal é o texto de Robert L. Stevenson: unha apoloxía da arte de vivir e de ser felices, acubillando a nosa existencia baixo o paraugas da ociosidade Os dicionarios, tamén o da Real Academia Galega, definen a palabra ociosidade remitindo por unha relación de afinidade semántica á galbana, á nugalla, á preguiza ou á vagancia. Mais abonda con ler as poucas páxinas de Robert L. Stevenson para nos decatar de que a ociosidade “non consiste en non facer nada, senón en facer moitas cousas non recoñecidas nos dogmáticos formularios da clase dirixente”.
Stevenson presenta o seu breve texto á xeito dunha apoloxía, argumentando en contra da dilixencia. Pero faino non con argumentos lóxicos, senón repasando a vida dos obsesos do traballo ou a daqueles que se consagran aos libros con dilixencia: son ríxidos diante das provocacións do azar, carentes de curiosidade, sen diversión na mente, pésimos conversadores, maleducados e pateticamente estúpidos ata o final.
Finalmente Stevenson agasállanos con seu gran teorema para vivir a vida: se unha persoa non pode ser feliz sen estar ociosa, ociosa ten que permanecer. Un concepto revolucionario, recoñece o ensaísta, mais moi apropiado para a época na que este apólogo foi escrito: finais do século XIX cunha industrialización que escravizaba a clase obreira. Lexible asemade nos nosos días nos que os patriarcas financeiros, disfrazados algúns de políticos, dinos que os españois temos que traballar máis horas ou empezan a suxerirnos que o modelo de traballo dos chinos é o acaído para saírmos da crise ou cando Carla Bruni teme pola vida do seu home, Sarkozy, de tanto que traballa! A prosa, estilisticamente axustada de Stevenson e a c claridade dalgúns dos seus argumentos poden ser unha boa guía para escoller o papel que queremos desempeñar na vida.

Robert L. Stevenson, por Sargent