No taller do escritor*

Juan Tallón ( Foto: Europa Press )

 A Pregunta perfecta ( O caso Aira – Bolaño )

Juan Tallón

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela 2010, 188 páxinas.

    Remato a lectura deste relato de Juan Tallón tendo presente aquela definición da novela que ofreceu no seu día Henry James, un escritor que tamén traballou desde o outro lado do espello. A novela, escribiu H. James, é a casa da ficción (… ) non ten unha senón un millón de fiestras; cada unha das que foi aberta ou pode aínda abrirse. A miña mente vén tamén un texto de Ficciones ( “Examen de la obra de Herbert Quain”) no que Borges  interpretaba a obra dun autor imaxinario. “Quain, di Borges, arrepentiuse  da orde ternaria e predixo que os homes que o imitarían, optarían polo binario, mais os demiurgos e os deuses polo infinito: infinitas historias, infinitamente ramificadas”  Dúas perfectas enunciacións doutra lóxica, distinta da identitaria, a do pensamento complexo, aplicable tamén á narratoloxía e á narrativa.

   Na novela de Juan Tallón prodúcese, ao meu entender, a eclosión vaticinada por Borges e ten así mesmo perfecto cumprimento a afirmación de H. James: a novela como casa da ficción. As fiestras de H. James son portas para Juan Tallón. No seu formato de novela breve A pregunta perfecta encerra innumerables preguntas e sondaxes sobre o estatuto narratolóxico na posmodernidade, pero tamén hai un argumento: a procura dos vínculos secretos e invisibles entre César Aira e Roberto Bolaño e un diario do propio vivir dun narrador homodiexético en diálogo cos seus lectores, as súas obsesións por narrar esa historia. A esculca desas ocultas conexións entre os dous grandes escritores latinoamericanos e a dos significados comúns nas súas vidas e obras; a imposibilidade de que queden relacionadas dúas personalidades tan acusadas, outorgan sentido a un relato que, a medida que medra, transforma o vivir  cotián do escritor – narrador. Endalí  que a súa existencia devén só literatura. Xa que logo, A pregunta perfecta tórnase polo mesmo metarrelato e tamén paratexto ao modo da non fiction. Unha tematización do acto da escritura que nos permite entrar na casa do escritor e instalarnos no seu taller. O escritor represéntase a si mesmo, e non por narcisismo, o seu nome mesmo figura nos e-mails que recibe de César Aira  ou de Michel Lafon, o seu tradutor en Francia. E por suposto canivaliza non só textos alleos, cos que dialoga, senón toda clase de materiais, mesmo epitafios e o teorema de Ruffini porque todos son imputs  que deben aproveitar os post – escritores, narradores que narran o novo e amplían como nunca as súas fontes de influencia. Así pois, un texto no só metaliterario, senón “intraliteraio” xa que todo se aproveita e forma parte do desenvolvemento argumental. En definitiva, a estética da subversión constante nunha obra que excede calquera categorización xenérica, que narra encontros de escritores e non aburre, abre os lindes da prosa galega e nos sutura coa narrativa máis vangardista de hoxe en día.

* Este texto foi publicado o día 3 de febreiro no Suplemento “Faro da Cultura” do xornal Faro de Vigo. Para ver o orixinal, pinchar aquí, páxina VI. E o día 5 de febreiro no xornal La Opinión de A Coruña. Para velo pinchar aquí, paxina  6.

 

 

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega. Ligazón permanente.

3 Responses to No taller do escritor*

  1. Pingback: Juan Tallón, Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2012 | NOVENOITES

  2. Pingback: Juan Tallón, Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2012 | NOVENOITES

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s