Un experimento verbo das fronteiras da literatura

Locus Solus

Raymond Roussel

Tradución de Isabel Soto e Xavier Senín

Editorial Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2012, 293 páxinas.

 

   A compostelá  Hugin e Munin ofrécenos a posibilidade de gorentar na lingua de noso unha das novelas máis estrañas que xamais se ten escrito, a obra mestra da desestruturalización e un chanzo imprescindible cando se fala de literatura de vangardas. Dificilmente se pode entender a fondura e a carga diexética deste libro se o lector descoñece certos feitos e avatares  que aleitaron e formaron a figura do seu autor, Raymond Roussel (1877-1933). Tamén a súa gloria fecunda ou a súa negatividade. Porque Locus Solus  é,nunha primeira ollada,un libro extravagante, mais tan suturado á vida do seu autor -igualmente extravagante- que se ten convertido nunha das obras literarias máis orixinais do século XX. E isto é así porque a vida e a obra de Raymond Roussel forman un único todo, un todo  que apenas é coñecido. A súa obra, como escribe Philippe Sollers, é obxecto ben de culto, ben de secretismo radical, ben de afastamento a causa da súa absoluta orixinalidade.

   A audacia da imaxinación que encerran os escritos de Roussel, escandalizou no seu tempo ao gran público. Mais non a algúns dos máis innovadores escritores e artistas franceses (Cocteau, Aragon, Guide, Duchamp, Giacometti, os surrealistas, Oulipo, o Nouveau Roman…) que sempre o consideraron coma un xenio. Pero este xenio en estado puro nunca se mesturou cos surrealistas, xa que non apreciaba o seu traballo que atopaba “un pouco escuro”.

   Impopular no seu tempo, personaxe excéntrico que nos momentos de bonanza económica publica a súa obra literaria sen reparar en gastos e realiza en dúas ocasións a volta ao mundo, pero sen apenas saír da súa roulette ou das habitacións dos hoteis, porque para Roussell o mundo exterior era o que fantasiaba a súa imaxinación. E cando se esgotou a súa fortuna, pechouse  nun modesto hotel de Palermo e suicidouse cunha dose de barbitúricos. Un “digno” final, cuestionado porén por Leonardo Sciacia, para unha vida ateigada de xeniais excentricidades.

   André Bretón escribiu no seu día que con Lautréamont, Roussel é o máis grande magnetizador  dos tempos modernos e que as súas obras, ignoradas durante moito tempo, ascenderán un día á categoría de luminarias perpetuas. Para o público entendido esta ascensión xa se produciu, nomeadamente desde que Michel Foucault escribiu unha monografía dedicada por enteiro a estudar a obra de Roussel, á que consideraba á vez precursora e epifánica. A “culpa” de todo isto reside na estética e no método escritural de Roussel. Pensaba que a literatura debía ser exclusivamente produto da imaxinación pura: “(…) a obra non pode conter nada real, ningunha observación acerca do mundo ou do espírito, nada, agás combinacións por enteiro imaxinarias” (R. Roussell, Cómo escribí alguno de mis libros). E xunto a esta imaxinación que o é todo, un peculiar método de escritura que o mesmo autor describe desta maneira no libro amentado: “Escollía dúas palabras moi semellantes. Por exemplo, billard (billar) e pillard (bandido). Logo engadía palabras parecidas pero tomadas en dous sentidos diferentes e con iso obtiña dúas frases case idénticas…Unha vez atopadas as dúas frases, tratábase de escribir un conto que podía comezar coa primeira e terminar coa segunda. E da resolucións deste problema tiraba todos os meus materiais”.

   Un soño prodixioso, un curioso arabesco que non revela nada do real, pero é posuidor dunha intención esencialmente poética que sustenta a arquitectura  e o procedemento da escritura de Locus Solus, convertido así nun crucial experimento verbo das fronteiras da literatura.

Raymond Roussel

   Locus Solus  é un xigantesco puzzle de imaxes e de historias ganduxadas cunha estraña lóxica carnavalesca. A súa trama, resumida nunha breve sinopse, preséntanos un día na vida dun científico e inventor, Martial Canterel (alter ego do escritor), que invita  a un grupo de amigos a visitar a súa finca , “Locus Solus”, nas aforas de París. Durante o longo paseo, o anfitrión amósalles aos seus convidados invencións da súa propia colleita. Asombrosas e ao mesmo tempo estrañas, tales como unha máquina voadora que compón un mosaico de dentes, un gato sen pelo e a cabeza conservada de Danton, unha gran caixa brillante ateigada de auga na que flota unha bailarina e, sobre todo, un enorme recipiente de cristal poboado de actores mortos que Canterel fixo revivir con “resurrectina”. Completa o paseo unha cea festiva.

   Locus Solus está composto con ese método de escritura xa aludido . Deste xeito Roussel redescubre un dos moldes creativos máis empregados pola mente humana. “a formación de mitos creados desde as palabras” (Michel Leris). A transformación dun sinxelo  acto de linguaxe nunha acción dramática ou nun dos acervos do inconsciente colectivo. Un poderoso fluxo, xa que logo, da imaxinación, premonitorio de moitos dos acontecementos que conformarán as artes e a sociedade no século XX. O panteón estético das vangardas históricas e doutros creadores ata os nosos días.

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa estranxeira traducida coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s