Os premios Lueiro Rey 2010, edita Sotelo Blanco

    Son, sen dúbida algunha, tempos de crise e penuria no sector editorial galego, que afecta sobre todo aos pequenos e medianos selos editoriais. Abraia ollar os catálogos de certas empresas editoras, outrora florecentes e con abondosas e inconcibibles colleitas, tamén no eido da narrativa, e decatármonos de que as novidades que ofrecen agora son insignificantes, de moitos meses atrás, mesmo de anos nalgúns casos. Por iso saúdo, con non disimulado contentamento, estas dúas novidades que, na súa colección “Medusa” de narrativa acaban de saír dos prelos de Sotelo Blanco Edicións e que os lectores poderán gorentar na primeira semana de xaneiro. Refírome ás dúas pezas de narrativa  breve, gañadora e finalista do Premio Lueiro Rey 2010: As horas rotas de Chelo Suárez Muíños  e A pregunta perfecta ( O caso Aira – Bolaño ) de Juan Tallón. Achégome nunha primeira aproximación a ambas as dúas.

   As  horas rotas de Chelo Suárez Muiños. A poeta e narradora coruñesa bríndanos este pequeno universo ficcional verbo daqueles días sen alba en varias xeracións de mulleres que aturan as consecuencias arrepiantes da Guerra: represalias, paseos, vinganzas, violacións, medos certos e incertos, “ a obtusa barbarie que varre arestora o país”. Na outra banda, os traidores que se rebelaron contra a República, os fascistas que lle teñen querencia ás sombras. Agochados no corazón do bosque, dous rapaces que viven unha tenra historia de amor, no reino dos soños, testemuñas impotentes da barbarie  e os seus pesadelos que sofren os vencidos, convertidos polo feito de seren detidos en carne de reo. E vítimas eles mesmos do odio vingativo dos traidores. Como bálsamo de tanto sufrimento e traxedia, a voz da fraga que propicia os soños dos cativos. Relato inxel, onde  a maxia da natureza impugna as atrocidades dos humanos. Con varios cambios na voz narradora, que non se converten en barreira para que mesmo os lectores xuvenís – e sobre todo eles –  poidan degustar esta novela. O desenvolvemento lírico – sentimental converte As horas rotas nunha achega distinta dos grandes referentes narrativos que sobre a nosa memoria histórica teñen aparecido nos últimos anos.

    A pregunta perfecta ( O caso Aira – Bolaño ) de Juan Tallón. O señorío inapelable dos votos quixo que esta novela de Juan Tallón fora declarada finalista do Premio Lueiro Rey. Outra cousa, talvez, é o que poidan opinar os lectores, sempre ou case sempre, intelixentes e espelidos. O autor é quizais o único escritor galego que afonda na metaliteratura  e que realmente encana o relato polos vieiros por onde camiña a narrativa máis vangardista e interesante de hoxe en día, o relato post – moderno. E  a súa novela, se os asuntos das letras no noso país funcionasen como cumpriría, debería de estar chamada a fixar un antes e un despois na narrativa galega. No sámago do relato, a historia dos encontros non producidos entre os escritores César Aira e Roberto Bolaño. Será posible enfiar unha novela verbo de tal trama, arredor dos vínculos secretos entre estes dous escritores, referentes da narrativa máis novidosa en español? Juan Tallón faino con grande acuidade. E nese enigma das citas non realizadas desenvólvese a historia, unha interesantísima novela transxenérica, enriquecida pola intertextualidade – mais as referencias a e de numerosos autores non son enfeites, senón materiais cos que dialoga o autor -, unha incitante  novela, digo, sobre a literatura e o seu sentido. Tamén sobre a vida coa literatura como pano de fondo. Novela que abre os lindes da narrativa galega, superando o étnico e os camiños trillados no tratamento dos discursos narrativos. Cumprirá volver noutro momento demorándonos con máis amplitude sobre este galano de Juan Tallón.

 

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega. Ligazón permanente.

3 Responses to Os premios Lueiro Rey 2010, edita Sotelo Blanco

  1. anton di:

    o teu comentario da obra de Tallón sabe a pouco, cumpre coa palabra de volver a esa obra. grazas polo blog.

    • Francisco Martínez Bouzas di:

      Por suposto que cumprirei coa miña palabra e volverei a esa obra con más vagar porque é un libro innovador e de grande calidade dentro da nosa literatura.

  2. Pingback: Memoria de la guerra a través de las mujeres gallegas | Maleducadas

Deixar un comentario