“Indeterminacións”: ensaios xenuínos

Indeterminacións

Carlos Lema

Axóuxere Editora, Rianxo, 2012, 111 páxinas

 

 

 

   En “Polimnia”, unha colección de Axóuxere Editora que nace coa intención de producir discursos abertos ao tempo actual, publica  o editor, poeta e ensaísta Carlos Lema catro breves ensaios que non se sitúan nas beiras da creación literaria senón na súa cerna. Os ensaios de C. Lema son, na miña estima, verdadeiros textos de ensaio xenuíno que non se limita a xeneralizar  o pensamento, baixar os saberes ou recompilar erudición, senón que “crean”, son pequenas plataformas, nas que o autor se arrisca co pensamento, achega aos lectores a novidade, a verdade singularísima   de pensar e, por veces, revoltas lóxicas como dixera Rimbaud.

Carlos Lema

   E faino no presente caso C. Lema cunha crítica do determinado (na novela, no libro, na música, na vida), cunha reflexión sobre a lectura como canle que debería permitirnos ollar os libros ou as pezas musicais sen apelativos. “Contra a novela”, o primeiro ensaio, é un rexeitamento da novela na súa pretensión de someter o tempo á dominación da linguaxe. En “O libro perfecto”, nunha análise que se abeira a “semiótica do libro”, conclúe o escritor que o libro electrónico é perfecto porque se apropia de todos os textos. Outros dous ensaios, un sobre a omniprenza  da música e o seu progreso e outro sobre tempo, traballo e suxeito nas ruínas do capitalismo, pechan estes textos-hipóteses que o autor presenta como refutables e por iso son pensamento.

 

(Texto publicado o día 15 de novembro no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Ensaio. Ligazón permanente.

Deixar un comentario