Memorias literarias e humanas

De Xente nova a Brais Pinto

Memorias dun afiador rebelde

Xosé Fernández Ferreiro

Edicións Xerais, Vigo, 2012, 172 páxinas.

 

 

A colección “Xerais Crónica” amplía a súa serie “Memorias” con esta achega ao subxénero memorialístico que recolle as acordanzas literarias e humanas do narrador e xornalista Xosé Fernández Ferreiro, no contexto da súa pertenza aos grupos literario-culturais Xente Nova e Brais Pinto. O libro, cun formato de cerca de duascentas páxinas, naceu como ampliación do texto que o autor leu no antigo mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil con motivo da homenaxe que a finais do ano 2009 lle tributou e Pen Clube de Galicia.

O primeiro que chama a atención destas “Memorias dun afiador rebelde” -así se autodefine Xosé Fernández Ferreiro- é o  carácter atípico  dunhas memorias, moi afastadas da crónica pormenorizada e convencional, do quefacer literario-cultural dos dous grupos de mozos aos que pertenceu, ao longo dos días, meses e anos. No libro de Fernández Ferreiro recóllense fitos importantes da loita cultural e literaria duns mozos galegos en Ourense e en Madrid nos anos cincuenta, pero sobre todo, as vivencias humanas de todo tipo que conformarían as vidas daqueles mozos que en tempos “da posguerra, da fame e do noxo” e da bohemia madrileña, pretenderon romper con todo, cousa que non conseguiron, pero si fixeron abrollar desde as súas cabezas cheas de soños a renovación máis profunda da literatura galega dos últimos cincuenta anos do pasado século. Porén, os datos que nos proporciona Fernández Ferreiro, confirmando outros libros memorialísticos ou de conversas, son de grande relevancia para  a historiografía e a socioloxía da literatura galega.

Dá comezo Fernández Ferreiro á recuperación das súas lembranzas coa constitución de Xente Nova en Ourense nos primeiros anos cincuenta en compaña de César Arias, Víctor Campío, Serafín Gómez Pato e Daniel Conde Mir. O seu principal empeño tanxible foi a edición dunha revista bilingüe que a censura da época impediu que saíse á rúa. Porén, destes anos rememora o autor moitos acontecementos que teñen que ver coa nosa lingua ou con Galicia: os actos conmemorativos do centenario do nacemento de Curros Enriquez en Celanova;  a relación con persoeiros galeguistas da época, nomeadamente con Otero Pedrayo; o desencontro dos galeguistas de base de Ourense e Ramón Piñeiro, ao que acusaban de ser un “vulgar politiquillo”, cuestionando que el fose a persoa indicada para liderar o galeguismo dos anos vindeiros. Pasa revista así mesmo a outros eventos daqueles anos: a loita contra o encoro de Castrelo de Miño, o concerto de Raimon en Santiago e moitas outras actividades que atesouran un inestimable valor documentalista e mesmo anecdótico, sobre todo verbo da vertente humana dos seus protagonistas e dalgunhas figuras da cultura galega.

Mais, aínda moito máis importante para a historia social da literatura galega, son os breves capítulos que Fernández Ferreiro dedica ao xurdimento e ás xeiras do grupo Brais Pinto en Madrid, “un sono que nos axudou a vivir en tempos hostís” (páxina 59). Unidos pola lingua galega e o amor  á Terra, presumiron sempre dunha incorruptible galeguidade. Formaron o grupo Méndez Ferrín, César Arias, Raimundo Patiño, Bautista Álvarez, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo e o propio autor. Foron “os sete magníficos” (Costa Clavell), un grupo que pronto aumentaría ata nove coa chegada de Heminio Barreiro e Alexandre Cribeiro.

Xosé Fernández Ferreiro

Brais Pinto, como se ten recoñecido, foi un intento de poñer ao día a cultura galega nunha dirección de vangarda. Constituído o grupo en Madrid na primavera de 1958, Fernández Ferreiro enumera as distintas actividades que desenvolveron: fundación da editorial Brais Pinto, edición de Bocarribeira, un poemario de Otero Pedrayo, a sonora asubiada a Fraga Iribarne no Centro Galego cando lle escoitaron dicir que “Gracias a Franco, un gran gallego, ya no se emigra ni hay viudas de muertos ni de vivos en Galicia”. E as mil aventuras, quefaceres, vencellos sentimentais destes mozos en Madrid. As relacións cos amigos (Ben-Cho-Shey, Martínez Barbeito, Novoneyra, Costa Clavell. As andainas e experiencias vitais deste grupo de “contestatarios, rebeldes, visionarios, existencialistas, surrealistas, transgresores, románticos, provincianos, aldeáns, escépticos” abriron portas e cancelas, novos camiños desde a sequidade intelectual e a miseria moral da capital do estado español que foron fundamentais para a renovación política, literaria e artística de Galicia, como escribiu un dos seus membros. Este libro é a memoria viva daqueles anos, daquelas arelas e daquelas angueiras.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Memorias coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to Memorias literarias e humanas

  1. Pingback: «De Xente Nova a Brais Pinto», de Xosé Fernández Ferreiro: A memoria viva que aporta datos relevantes. Crítica de Francisco Martínez Bouzas | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s