Bukowski e o agochado debaixo da alfombra

Servizo de Correos

Charles Bukowski

Tradución de Alejandro Tobar

Editorial Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2011, 202 páxinas.

 

Post Ofice, Servizo de Correos na tradución ao galego da Editorial Hugin e Munin, foi a primeira novela de Charles Bukowski, escrita aos cincuenta anos, logo de abandonar o servizo americano de correos. A novela, ao igual que as cinco que o escritor publicou despois desta, ten como protagonista  a Hank Chinaski, antiheroe e alter ego do propio autor. Bukowski logra nesta primeira novela crear un gran tipo, un antiheroe, cunha escrita que é un verdadeiro paradigma do realismo sucio, no sentido literario e literal. O realismo sucio (“Dirty realism”), é, segundo se soe afirmar, un forma de escribir que nada ten que ver co lixo, coa grosería nin con personaxes fedorentos, senón co emprego dunha linguaxe sinxela, usando os mínimos recursos (endalí o nome de minimalismo co que tamén é coñecido) para contar historias cotiás, sen engadir enfeites formais, fuxindo do didactismo e deixando as historias sen pechar.

Aínda que non foi Bukowski o creador do realismo sucio, é xunto con Raymond Carver, Richard Ford ou Tobias Wolff un dos seus grandes referentes norteamericanos.

Non deixa de ser curioso e típico de burocracia estadounidense a orixe desta novela. En 1968 os supervisores do servizo de correos decatáronse  de que Charles Bukowski era o autor de varios artigos obscenos publicados nunha revista. O que fixeron foi interrogar a Bukowski, esculcar na súa vida e, por ser un funcionario do goberno, informar ao FBI, que abriu un expediente. Ao remate, máis que a “baixa categoría moral”, foi o absentismo o que terminou co emprego de Bukowski na estafeta  de correos. O seu amigo John Martin, editor de Black Sparrow Press propúxolle que por un salario de cen dólares mensuais se dedicase só a escribir para a súa editorial. Foi así como o arquivo 140-35907 deu paso á primeira novela de Bukowski, Servizo de Correos.

Bukowski é un escritor eminentemente biográfico. O que relata en Servizo de Correos son os cerca de doce anos que sobreviviu á xungla urbana, empregado nunha sórdida oficina de correos de Los Angeles. Hank Chinaski é un nugallán e borrachuzas  que vive en Los Angeles de costas a calquera traballo. Pero un día, un colega de bebedelas comunícalle que están empregando a calquera que se presente na oficina de correos. Debido ás ganas de conseguir diñeiro e pensando que se trataba dun oficio doado e que ademais lle permitiría desafogar os seus impulsos sexuais con algunha das mulleres que pensaba atopar no reparto, presentouse e foi seleccionado. A novela conta a historia destes anos traballando como carteiro. Os seus días de resaca, os exabruptos  cos xefes, a súa obsesión polas mulleres. Un retrato irónico, descarnado, a outra cara do soño americano, que fala sobre borrachos, prostitutas, infelicidade e desventuras, sendo el mesmo parte dese mundo. Doce anos polas rúas de Los Angeles, polos seus hipódromos, sorteando calamidades, mulleres aloucadas, lidando con constantes trancas e bebedelas.

Charles Bukowski

Unha divertida e á vez amarga sátira sobre o soño americano na que o escritor renuncia a todo aquilo  que non lle resulta imprescindible para a narración. Mínimas descricións, linguaxe lisa e plana, con personaxes que sobreviven como poden á desesperanza e á mediocridade. Bukowski logra nesta súa primeira novela non perder o control sobre o seu antiheroe; ás avesas, agasállanos coa figura dun gran tipo que nos descubre toda a varredura que se esconde debaixo de alfombra dourada de América. Charles Bukowski non só bebe todo canto pode, escribe todo canto pensa, sen disfrazar posturas misóxinas. Realismo sucio, espido, descoroado de atavíos formais, con historias rutineiras e vulgares. E, con todo, alta literatura.

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa estranxeira traducida coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar un comentario