Os versos de Vázquez Pintor*

 

Unha salutación, antes de máis, para este libro-compilación de corenta anos de dicir poético que chega en sazón, maduro, nostálxico, tenue por veces, claramente combativo as máis delas, ao que me achego á vez temeroso e conmovido, porque acercarse á voz lírica de Vázquez Pintor significa acaroar  esa grande verdade/milagre do mundo que dirían os nosos clásicos. Este polifacético domador de palabras que labra cada liña que escribe cun rexistro literario vigoroso, ateigado de tensión, emotividade e sorpresa, ergue, no eido da lírica, “a memoria que reconstrúe un mundo” como rotulou a súa tese verbo do escritor da Terra do Medio e da beiramar a profesora cubana, Yanelis Velazco Fajardo. Velaquí pois, editados con galanura por Espiral Maior, os versos de media vida, escritos coas palabras que o poeta máis quere, para turrar sempre dos soños contra as esperas.. Dez poemarios amalgamados polo título “Seara”, a palabra que nos fai pensar no país, sendo como é de terra de montes, pero que une as dúas xeografías vivenciais do escritor: a Terra do Medio, a do seu Deza natal e a da beiramar.

Lemos os versos das primeiras andaduras: Gándaras, Terra e pan, O espertar tamén é noso, vítimas de inxustas sentenzas pronunciadas polos que pretenden señorear o canon. Son, porén, “a primeira illa dos soños”, “a partida de nascemento” como escribiu o prologuista do primeiro, Varela Buxán. Tamén os poemas de Ofidios de diario co que se produce a viraxe na forma e no contexto dun quefacer poético que agora asenta a súa cerna nas isóbaras dun  mundo fantástico, ensoñado e cicelado  ao ritmo das imaxes brunidas con palabras. E os tres últimos poemarios, No corazón mancado, Rotación violeta e Banzados que significan unha volta a outras etapas vitais, ateigadas de ousadías, rachando os medos da luxuria e camiñando por veces no territorio dos loucos e do destempo.

Xosé Vázquez Pintor

Completan o volume dous inéditos: Anuncian as aves e Os versos do zapateiro. Exercicios de habilidade escritural e diálogo con pezas de pintores e escultores do Deza, bebendo o granitos e os óleos. Os versos do zapateiro son a memoria dos últimos anos dun dicir lírico que manifesta sempre con habilidade as lembranzas da infancia,  a ollada sobre os amigos, obxectos e acontecementos. Tamén as arelas, soidades e illamentos e os saberes e querenzas da nosa tribo. Mergullarse neste libro compilatorio de Vázquez Pintor confírmanos nesa seguranza de que función poética, algo pequeno na súa configuración gráfica, é paradigma de fermosura. E o que é máis relevante: que a poesía é forte (Michel Deguy), sobordante de fulgores e bríos máxicos.

* Texto publicado o día 28 de febreiro no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal, pinchar aquí

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Lírica coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s