Derrotados pola vida*

O imposible de desatar

Iván García Campos

Editorial Galaxia, Vigo 2010, 2010 páxinas.

    Por veces os premios literarios descobren e fan posible a publicación de propostas narrativas novidosas, rachadoras, que doutra maneira, seguindo as canles habituais, dificilmente atoparían editores dispostos a apostaren por elas e asumiren os retos de sacalas á rúa. Tal é o que acontece con esta achega de Iván García Campos, un outsider practicamente na literatura galega. O Premio Blanco deste ano a súa novela O imposible de desatar, permítelle o seu debut e fai posible que a nosa narrativa se nutra con voces novas e novidosas. A novela é unha proposta que pode ser lida por variadas vías e modos. Na miña estima, porén, trátase dunha peza narrativa  á vez realista e alegórica. O autor, nunha estrutura tripartita, retrata o cotián vivir dunha familia na primeira e na terceira parte. Entremedias, na segunda, catro historias colaterais que nos transmiten a mesma mensaxe: as derrotas da vida ou a imposibilidade de acadar a felicidade como horizontes dos seres humanos.

Iván García Campos

   Hoxe as relación familiares poden ser cálidas e acolledoras, mais tamén cabe a posibilidade de que se atopen ateigadas de insatisfaccións, conflitos, mutismos e hostilidades. Iván García Campos radiografa as rutinas dunha familia urbana: pai, nai e dous fillos durante unha semana. Todos innominados, caracterizados unicamente polo rol que desempeñan. Un relator en terceira persoa vai punteando por días e horas  o que sucede na casa, o que din, o que pensan. Pero alí, alén das rutinas diarias, dos solitarios da nai e do fedellar en reloxos por parte do pai, nada acontece. Só o silencio. Silencio e portadas reflectidos constantemente en frases como esta: “Vas para a cama?, preguntou a muller. O marido non contestou”. Os mesmos solitarios aos que xoga a muller, son elocuentes metáforas da incomunicación intrafamiliar. A trama remata como tiña que rematar: na conclusión de que estarían máis cómodos durmindo cada un nunha cama, feito confirmado polo “Extra” co que nos agasalla o autor que é á vez contrapunto e contraste. No relato de García Campos non existen ruídos enxordecedores que impidan unha instalación pracenteira destas relacións familiares, pero existe o silencio – outra forma quizais de comunicación – que aínda é moito máis estrondoso.

   Saliento os aspectos formais, xa que nos mesmos áchanse os elementos realmente novidosos e innovadores da novela. A forma de escribir de García Campos aseméllase moito ás maneiras daquela corrente evidencialista que agromou entre nós a finais  dos 90. Cun rexistro lingüístico aséptico e nu de calquera enfeite estilístico, o autor limitase a relatar colmos, obviedades. E faino con frases concisas e repetitivas, como se fose un pedreiro que pica na pedra. Resulta así un relato monocorde que chega a producir canseira. Outras veces o texto ilumínase con pequenas doses de retranca e finísimo humor; e certos elementos paratextuais, como tal  os riscos encima de textos que falan de Franco ou do bilingüismo e que fan máis pracenteiro este retrato da cara oculta da sociedade e das cotiás derrotas que na mesma se incrustan.

* Este texto, con leves modificacións, foi publicado o día 13 de xaneiro de 2011 no Suplemento “Faro da Cultura” do xornal Faro de Vigo, con outro título, responsabilidade exclusiva do xornal.

                                            

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega. Ligazón permanente.

Deixar un comentario