A novela como carne de ficción

A autopsia da novela

Juan Tallón

Editorial Duen de Bux, Ourense 2007, 200 páxinas.

    Malia ter gañado o IV Premio Pastor Díaz de Novela, esta proposta narrativa de Juan Tallón pasou practicamente desapercibida. O feito de non figurar nos catálogos das editoriais galegas que contan con canles de distribución axeitadas e os  oídos xordos ou claramente reprobatorios  de certa crítica galega que está a anos luz das rotas e itinerarios por onde camiña a narrativa máis actual, fixo que de A autopsia da novela de Juan Tallón apenas se falase. Porén, Juan Tallón é un autor que vai máis alá. Máis alá e non só no ronsel da posmodernidade tal como a entende Dolores Vilavedra nunha moi recente publicación. Juan Tallón non adelgaza a súa imaxe autorial; ás avesas: no seu discurso hai trazos homodiexéticos e a súa iconoclastia ou experimentalismo estrutural vai máis na liña dos narradores latinoamericanos actuais, sen esquecernos de Borges e Cortázar,  e de certos fabuladores españois que publican na selecta, aínda que minoritaria editorial Candaya, entre eles Javier Martín.

   Non é no evidencialismo no que se nutren as páxinas de Juan Tallón, senón no que J. A. Masoliver Ródenas, no prólogo a última novela póstuma de Roberto Bolaño, editada nestas datas cualifica de “intraliterario” máis que “metaliterario”, pois na escrita do escritor de Vilardevós todo forma parte do desenvolvemento argumental.

Juan Tallón ( Foto: La Voz de Galicia )

   A primeira vista A autopsia da novela semella unha novela enmarcable no xénero negro. Na mesma, en efecto, hai cadáver, detectives, asasino; mais xa aquí o discurso narrativo se afasta do xénero para esculcar a evolución psicolóxica dos personaxes para alén da investigación policial propiamente dita. O conflito interno dos personaxes é pois o que focaliza a ollada autorial. Engádase a todo isto o feito de que Juan Tallón fai literatura do corpo  literario. A miña ignorancia impídeme decatarme de se tal práctica é frecuente no sistema literario galego. Eu só coñezo unha proposta narrativa, ademais das obras deste autor, que recorra tal camiño. Unha proposta merecedora no seu día do Premio Torrente Ballester e considerada polo xurado como “un mosaico esnaquizado, difícil de entender”. Á mesma tarefa apúntase Juán Tallón xa desde a primeira páxina: “Bisturí. Palinodias. Pinzas. Asíndeto. Serrón para as zonas duras e máis resistentes ( … )A literatura  admite o uso de calquera ferramenta ( … ) cuxa aplicación sobre o texto – vía metáfora – permite á escrita ollar cara dentro, ficar pasmada fronte aos mecanismos internos que a fan funcionar ( … ) Metaficción. A incorporación  ao tronco da trama, como unha parte máis da novela, de espazos nos que o autor reflexiona sobre a ficción que está a construír”. Xa que logo, atravesar a novela por dentro, facerlle a súa autopsia como reza o título.

   En resumo, unha novela que camiña coa modernidade. Afirmar que as intervencións do autor implícito e do autor explícito rompen  o fío argumental; que a cita con profusión de nomes de escritores recoñecidos ( non só se citan, senón que se dialoga con eles! ) semella unha mostra superflua de erudición; que a presenza impertinente do devandito narrador distrae o lector ( … ) que non entende para que interrompe  o discurso, todo iso equivale a non comprender que cómpre pescudar novas fórmulas nos procesos de elaboración creativa, porque non se pode seguir escribindo coa “ortodoxia” coa que hai unha manchea de anos escribían Faulkner ou Kafka, nin sequera no ronsel da Nova Narrativa Galega dos anos 50 e 60, herdeiros da tradición literaria europea e que romperon sen remorsos co que se viña facendo na narrativa galega anterior.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en A arca da avoa, Critica literaria. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s