A granxa dos animais, unha aposta polo seguro

A granxa dos animais

George Orwell

Faktoria K  (  Kalandraka Editora ), Pontevedra 2010, 110 páxinas.

    En tempos de crise soe ser una boa receita apostar polo seguro. E o seguro, no eido da literatura, acostuma estar nos clásicos. Nos clásicos do noso tempo; eses que viviron intensamente, e moitas veces na propia carne, os grandes problemas humanos, que existen dende sempre, porque dende que o mundo é mundo humano hai dominantes e dominados. Xente que comanda dun modo absoluto e xente sometida, asoballada polas armas do poder. Un dos narradores do noso tempo, aínda que escribise no século pasado, que mellor soubo conectar coa sensibilidade actual verbo dos problemas do poder, da orixe das xefaturas e do seu exercicio despótico, foi Eric Blair ( 1903 – 1950 ), que escribiu baixo o heterónimo de George Orwell pezas tan memorables como Homage to Catalonia; 1984; e Animal farm. Esta última traducida a case que todas as linguas e que agora Faktoria K non ofrece en galego, con tradución de Fernando Moreiras. Unha tradución que sabe a galego e iso xa é moito dicir. O deseño editorial, marca de Faktoria K: moi actual e ateigado de frescor.

George Orwell

   Achégome unha vez máis á lectura de A granxa dos animais sen poder esquecer aquel inquérito de Etiénne de la Boétie: como pode ocorrer que tantos homes, tantas aldeas, tantas cidades, tantas nacións sufran de cando en cando un tirano só, que non ten outro poder do que el mesmo se dá. Neste libro achamos unha resposta á vez lucida e realista. Tamén paradigmática porque a resonancia política das súas obras fixo de Orwell unha referencia proverbial. O adxectivo orwelliano emprégase hoxe case que tanto como kafkiano. Orwell, marxista, pacifista e antisoviético, perfecto coñecedor do que acontecía na URSS, escribe esta peza claramente distópica , politicamente incorrecta, porque descortiza a cerna do que ninguén recoñece, as maldades da sociedade. E faino botando man dun artificio moi pedagóxico: a fábula alegórica coa que plasma o seu radical rexeitamento e condena das sociedades totalitarias, baseándose na traizón de Stalin á Revolución rusa.

   No grupo de animais da granxa que se rebelan, expulsan aos humanos e crean un sistema de goberno propio que acaba converténdose nunha feroz tiranía, están retratados, é verdade, os axentes e colectivos da Revolución Bolchevique de 1917 e a súa evolución cara a unha ditadura tiránica  e corrupta baixo as poutas de Satlin. Mais o seu significado transcende o caso particular soviético. Orwell, cunha linguaxe moi sinxela, realiza unha análise profunda da corrupción que xera  o poder, unha diáfana diatriba  contra todos os totalitarismos, tan vellos como a nosa civilización, ser seren exclusivos, malia o que Popper afirmou, das sociedades pechadas. Nese longo territorio espacial que vai dende as sociedades tribais ata as sociedades abertas, agroman sempre personaxes e colectividades como as que Orwell alegorizou  en  A granxa dos animais. Endalí pois que remate con outro interrogante, esta vez tralo ronsel de Foucault: non será que o poder ten como función esencial, non só prohibir e castigar, senón vencellar nunha espiral indefinida a represión, o pracer e a verdade?

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa estranxeira traducida, Narrativa galega. Ligazón permanente.

2 Responses to A granxa dos animais, unha aposta polo seguro

  1. Só queremos apuntar que “Animal farm” xa está editada en galego, desde o ano 1992, en Edicións Positivas, e traducida por Xosé Antón López Dobao, e co título de “A revolta dos animais”.

    Saúdos e perdón polo atrevemento.

    Francisco Macías

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s