Razoables sospeitas arredor do Camiño de Santiago

Estética e temporalización do Camiño Xacobeo

Antonio Gamoneda

Tradución de Mª Fe González Fernández

Editorial Trifolium, Iñás-Oleiros, 2012, 83 páxinas.

 

   Unha das grandes voces da actual poesía española, Antonio Gamoneda, incorpórase á nómina de autores, todos de grande categoría intelectual e literaria, da colección “Musa pedestris” da Editorial Trifolium. E faino cun orixinal ensaístico, unha exposición verbo do Camiño de Santiago, que por expreso desexo do autor, ve luz na nosa lingua antes que en calquera outra.

   As páxinas deste pequeno volume de Gamoneda refírense a algúns aspectos formais e iconográficos (arquitectura, escultura, pintura) e á escrita en función estética, relativos ao Camiño Xacobeo. A sensibilidade do escritor diante de certas formas artísticas e textos historiográficos, fixo que se aventurase a formular a hipótese, fronte a posición actualmente dominante, dunha presenza xacobea con anterioridade ao século XII, século da “institucionalización” do Camiño, vencellada á xestión impulsora de Xelmírez, á redacción do Codex Calixtinus e ao Románico desde unha perspectiva estética.

   As razoables sospeitas de Gamoneda anticipan a existencia do Camiño, con toda a súa carga espiritual e estética, ao menos tres séculos. Antonio Gamoneda argumenta a súa hipótese anticipatoria na existencia de datos protoxacobeos como o Beato de Liébana que cara ao ano 786, no “Comentario ao Apocalipse” deixa constancia da existencia dun himno litúrxico en honor de Santiago. Outro dato protoxacobeo é unha dobre páxina do Beato de Burgo de Osma, datado en 1086, que reproduce un Mapamundi no que a figura de Santiago é a de maior en tamaño, dentro das representacións propias da cristiandade, sinal inequívoca dun espírito pro-xacobeo e de que ao xacobeismo  debe outorgárselle unha antigüidade anterior ao século XII. A tradición fala así mesmo de significativas peregrinacións a Santiago, entre elas a de Carlomagno, realizadas nos séculos IX e X.

Antonio Gamoneda

   E xunto á tese de que o Camiño foi tal antes da súa institucionalización  no século XII. Gamoneda fai asemade unha consideración estética. Na súa estima o Románico non é a única modalidade artística representativa do Camiño. Son igualmente xacobeos o Ramirense e o Mozárabe, moi presentes na arquitectura do Camiño, tanto en España como noutros países europeos.

   É sen dúbida atractiva e o mesmo tempo arriscada esta óptica anticipatoria coa que Gamoneda coida que debe de ser contemplado o xacobeismo, as peregrinacións e o propio Camiño. Con todo as consideracións e interrogantes que Gamoneda expón dunha forma sinxela, poden ser unha lectura de interese non só para os expertos e estudosos do feito xacobeo, senón tamén para un público moito máis amplo que queira informarse dun feito cultural con tantas dimensións como o Camiño de Santiago.

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Ensaio coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar un comentario