Orfos e humillados do subproletariado

 

Unha vida violenta

Pier Paolo Pasolini

Tradución de Gonzalo Vázquez

Editorial Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2012, 397 páxinas.

 

 

   A obra que agora edita en galego Hugin e Munin, ésta considerada como a novela que se atopa no cumio da narrativa de Pier Paolo Pasolini e como un dos principais títulos da literatura de posguerra. E é sen dúbida unha das máis poderosas representacións da realidade porque no escenario narrativo que nos achega Pasolini, na armazón dun mesmo drama atopamos todo: o día e a noite, os actores e as súas sombras, o desexo e a frustración.

    E todo iso acádao Pasolini facendo  do lector testemuña das andanzas, romances, desenganos e traxedias de Tommaso Puzzilli, un mozo que vive nunha barriada de barracas de Pietralalata, na periferia de Roma. El, xunto cos seus compañeiros, convive coa fame e coa delincuencia, arranxa roubos, prostitúese, envilecéndose a cada paso con comportamentos sempre máis violentos e embrutecedores. E cando o amor se converte na oportunidade de redención, non  a pode aproveitar porque o seu pasado delictivo ou  a tuberculose non lle permiten proxectar unha raiola de esperanza na súa existencia.

Pier Paolo Pasolini

   A obra de Pasolini é ante todo un texto alicerzado na veracidade. A súa forte carga de expresiva verosemellanza provén do feito de que os episodios descritos están tirados da vida diaria dun grupo de delincuentes de Roma dos anos cincuenta, ambientes marxinais que Pasolini coñeceu en toda a súa crueza. É asemade unha novela de formación que amosa o crecemento interior do personaxe principal que se transforma de pequeno delincuente nun rapaz maduro e responsable do barrio INA Case. É finalmente unha novela con grandes doses autobiográficas porque está tirada das experiencias vitais do autor.

   Verbo da técnica narrativa cómpre dicir que Pasolini, en pleno respecto da verosemellanza, deixa que sexan os seus personaxes os que falen, sen intervir con xuízos explícitos ou moralidades, mais agachándose detrás dos mesmos. O resultado é unha narración cunha focalización interna múltiple, xa que as accións chegan ao lector filtradas polos mesmos personaxes. A linguaxe é a apropiada para a recreación da vida marxinal: dura, violenta e, por veces mesmo obscena e malfalada. O idioma que escoitan e falan os orfos e humillados do capitalismo de posguerra.

 (Texto publicado o día 8 de novembro de 2012 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa estranxeira traducida coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar un comentario