Traspasando as fronteiras do medo

As fronteiras do medo

Agustín Fernández Paz

Rodeira- EDEBE, A Coruña, 2012, 181 páxinas.

 

Non é a primeira vez que a pluma de Agustín Fernández Paz atravesa as fronteiras desa xeografía na que o terror e o medo moven os fíos da literatura, dese terror preternatural baseado na presenza e na actuación de forzas maléficas que evocan a inmemorial oposición cosmogónica entre o ben e o mal, e cuxa finalidade é a de provocar no lector un progresivo terror psicolóxico que leve ao ser humano a desconfiar da natureza da realidade que o rodea.Lembro aquela novela súa do ano 2000, Aire negro, un romance no que se amalgaman unha historia de terror e unha historia de amor. Ou o relato “A serpe de pedra”, publicado en Contos do museo no ano 2003, cunha feitura moi semellante á dos seis textos recollidos nesta colectánea, As fronteiras do medo.

Seis ficcións de medo en formato curto, como aconsellaba Allan Poe para o subxénero e nos que está presente Lovecraft, non só homenaxeado na referencia paratextual aos setenta e cinco anos do seu pasamento, e na presenza dun libro do grande escritor e teórico americano (Los mitos de Cthulhu) no relato “O pozo”, senón, sobre todo, na substancia da que se nutren os textos de Fernández Paz. En todos eles fai acto de presenza, como aconsellaba Lovecraft, “o sentido do morbosamente antinatural” insinuando asemade a sensación dunha transgresión maligna das leis fixas da natureza.

Saliento dous elementos que o lector atopará na perfecta amalgama de contido e expresión ao servizo do factor terrorífico: a presenza, en primeiro lugar, do sinistro, do estraño, pulsión que, como quería Freud, permite que abrollen ante os nosos ollos racionalistas aqueles estadios primitivos de pensamento animista. En segundo lugar, e como en Aire negro, os relatos editados arestora, achégannos un medo moi étnico. A súa acción non só se desenvolve na nosa xeografía, senón que o sinistro ten que ver case que sempre con factores ou elementos da nosa cultura material e inmaterial e tamén cos nosos mitos prehistóricos. É  o medo e o abraio ligado ás construcións megalíticas nas que están as Portas do Alén, onde tiveron lugar sacrificios  humanos, a Estación das Sombras que se abren o 31 de outubro nunha noite na que as deidades malignas percorren o mundo.

Agustín Fernández Paz

Relatos baseados na crenza de que máis alá do mundo das persoas hai outras realidades diferentes das que poderemos ser vítimas, como lles acontece aos membros dun grupo de teatro na máxica noite de Walpurxis. Outros contos como “O pozo” parten da constatación de que determinados terrores, asociados a lembranzas pasadas, permanecen dentro de nós de xeito determinístico e agroman de forma fortuíta facendo xurdir o espanto. Outros textos da escolma mergúllannos nos maléficos poderes das lamias, dos seres míticos que habitan na natureza, nos penedos a través dos que o ceo lles comunicaba aos devanceiros enerxías misteriosas. Ou achégannos á arañeira de forzas descoñecidas, fóra da orde natural das cousas, que emanan dunha caveira humana.

Unha ampla variedade de temas nestes seis relatos que transmiten a mesma mensaxe: existen leis máis poderosas e malignas que a nosas e das que todos podemos ser vítimas.

Verbo das estratexias técnicas, Agustín Fernández Paz desenvolve coa experiencia dun mestre no oficio e coa naturalidade lingüística de toda a súa obra, as propias do xénero: sitúa os relatos nun marco próximo á actualidade ou coincidente con ela; cédelle a narración a un personaxe protagonista para conferirlle maior credibilidade ao suceso; adoita utilizar o pasado imperfecto, un pasado que actúa sobre o presente, preñando, xa que logo, os textos de sensacións de ameaza. E sobre todo, trama as historias con poucos acontecementos, administrando habilmente a intriga e introducindo con sagacidade a sensación de perigo. Son algúns dos trucos cos que Agustín Fernández Paz escribe estas seis historias que traspasan as fronteiras do medo e das idades, xa que poden ser lidas indistintamente por mozos e adultos.

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Relato breve coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar un comentario