A “vinganza” de Prisciliano

Prisciliano e o pricilianismo. Da condena á rehabilitación

Victorino Pérez Prieto (Editor)

Biblos Clube de Lectores, Cesuras (A Coruña), 2012, 126 páxinas.

 

 

   O teólogo, filósofo e ensaísta Victorino Pérez Prieto coordina esta edición do volume Prisciliano e o pricilianismo. Da condena á rehabilitación. A obra, que nos achega Biblos Club de Lectores na súa colección Mandaio, recolle traballos do simposio organizado xuntamente coa Universidade Menéndez Pelayo en xullo de 2010 na vila de Ortigueira co mesmo título do libro que viu luz no pasado verán. Especialistas de indubidable categoría científica estudan e analizan o que, á altura do noso tempo, podemos saber verbo da figura de Prisciliano e da “herexía” por el fundada.

   A actualidade de Prisciliano segue a ser hoxe en día indiscutible. O asceta axustizado en Tréveris  no ano 385 continúa sendo na actualidade un referente sobre todo relixioso, aínda que soamente fose polo seu rexeitamento da unión da Igrexa co Estado imperial e polas súas críticas á corrupción e ao enriquecemento da xerarquía.

   Sobre o “herexe galaico”, nado posiblemente na provincia romana de Gallaecia, aínda que a súa orixe segue a ser incerta, escribe en primeiro lugar Victorino Pérez Prieto (“Que podemos dicir hoxe de Prisciliano”) recollendo materiais importantes dun anterior libro seu, Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario (2010): orixe, nacemento, formación, reformador, cabeza dunha Igrexa renovadora, persecución (Concilio de Zaragoza), proceso e morte en Tréveris por razóns aparentemente relixiosas, que agochaban porén motivacións políticas e mesmo económicas. Analiza asemade a obra de Prisciliano e a súa inclusión no elenco dos heterodoxos na antigüidade. Tamén a súa rehabilitación a partir do século XVIII.

   Outros especialistas abordan máis polo miúdo algúns dos temas, teses e inquéritos máis importantes tanto da aventura vital e obra de Prisciliano como do seu movemento relixioso. Tal fai María José Bravo, nun  estudo en castelán, sobre o proceso e a morte de Prisciliano. Andrés Olivares Guillem, cun texto igualmente en castelán, aborda o influxo do priscilianismo na alta idade media en movementos relixiosos como os dos tardopricilianistas, o sabelianismo, o adopcionismo, o masarrismo…. Sobre a presenza do priscilianismo na cultura portuguesa, cun texto presentado na lingua irmá, escribe Nuno Ventura. Finalmente Mª Pilar García Negro pon

Prisciliano, pintura sobre papel de Sergio Vázquez

cabo ao volume. Nun texto sobre Prisciliano e o pricilianismo e as mulleres analiza a reutilización do “martir galego”, unha historia máis “á galega” (“onde  poderes esclesiásticos e poderes civís actúan de mans dadas para cadraren a súa represión nas mesmas vítimas”, paxina 113). Analiza asemade  o influxo das teorías e da praxe priscilianista na mellor literatura galega e algúns dos seus grandes temas: telurismo, relativismo moral, anti-dogmatismo, apoteose da natureza, animismo…A “vinganza” de Prisciliano, segundo Pilar García Negro, consúmase con Rosalía de Castro que revive e resucita a Prisciliano.

   Xa que logo, un monllo de ensaios  non só útiles , senón tamén imprecindibles para todos en todas os interesados e interesadas na figura de Prisciliano e no alcance das actuais investigacións verbo desta figura senlleira da historia e da cultura occidental.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Biografías, Ensaio coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s