A ficción, unha maneira de intervir na realidade

MICRO ENSAIOS LITERARIOS

 

 

   Ricardo Piglia está considerado hoxe en día como un dos escritores indispensables do noso tempo, unha das voces renovadoras da escrita latinoamericana, logo do esgotamento creador dos autores do boom. A publicación en España, nunha relativa breve paréntese temporal de obras súas como Formas breves, Respiración artificial, Nombre falso, Prisión perpetua , La ciudad ausente, Plata quemada o Blanco nocturno sitúano á par de César Aira ou Roberto Bolaño, na fronte renovadora da narrativa escrita en español. Así o confirma por exemplo a súa novela, La ciudad ausente, unha obra de fasquía claramente metaficcional.

   Ricardo Piglia é un dos escritores que creen que a literatura é unha forma de condicionar a realidade, no sentido de que coa ficción se constrúen crenzas, unha das maneiras de intervir na realidade. Pero a literatura tamén nos permite fuxir do real, de todo aquilo que está controlado polos seres humanos e as súas institucións fiscalizadoras. Precisamente La ciudad ausente é herdeira dunha tradición da literatura arxentina que trata non de cómo o real abrolla na ficción, senón de cómo a ficción se manifesta na realidade.

   Fiel á idea de Borges de que a linguaxe é un soño dirixido, Ricardo Piglia tematiza na novela ese intre de intersección  no que a obra literaria di a verdade, finxindo mentir. Xa que logo, o escritor crea personaxes que viaxan por un universo ficcional no que se esvaecen os lindes do tempo, do espazo e mesmo da individualidade. Quen narra en La ciudad ausente é unha maquina, unha máquina pechada nun museo, o único ser que sobrevive para contar a historia. Ela, un organismo complexo, unha sorte de “cyborg” que é pura enerxía, é a que arrinca os acontecementos da memoria viva, é a cantora, a que pode lembrar as vellas voces perdidas. Unha máquina pois reprodutora de relatos, verdadeira ameaza para os poderes establecidos que son recollidos por Junior, un dos protagonistas, e publicados antes de que acontezan os feitos.

   Sobre a novela paira a figura do escritor arxentino Macedonio Fernández e as historias xurdidas sobre os baleiros e incertezas existentes na súa biografía e na relación dos seus escritos. O seu pasado anarquista e utópico,  a súa pescuda dun camiño para superar a morte convértense no alicerce sobre o que se ergue a novela. Conta Borges que Macedonio Fernández abandonaba os seus textos nos locais nos que vivía e, no canto de lles dar forma as súas ideas na escrita, tentaba espallalas a través de longas charlas e conversas, como faría unha máquina que pare relatos, aínda que sexan virtuais. A máquina de Macedonio, que mesmo está na orixe de moitos contos de Borges, funciona daquela como metonimia do acto de narrar. Ela transforma, multiplica e espalla os relatos que produce e reflicte o carácter intertextual da literatura, a evidencia de que calquera texto é portador de moitas pegadas doutras escritas.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Micro ensaios literarios coas etiquetas . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s