Castelao comunista

 

Castelao na Unión Soviética en 1938

Filocomunismo e prosovietismo de Castelao nos anos da Guerra Civil

Xesús Alonso Montero

Edicións Xerais, Vigo, 2012, 213 páxinas.

 

 

    Ao inxente e polifacético labor de recuperación da nosa memoria e patrimonio cultural nas súas moitas vertentes (social, literaria, política…) que ven realizando desde hai moitos anos Xesús Alonso Montero, engádese arestora este libro sobre o filocomunismo e prosovietismo de Castelao nos anos da Guerra Civil. Non se trata, ao meu ver, dun “libriño” como o cualifica o autor na dedicatoria, senón dun volume importante que recolle  a meirande parte dos testemuños verbo da experiencia na Unión Soviética (anotacións de viaxe, cartas, entrevistas, textos varios) escritos ou relacionados con Castelao que, formando parte dunha delegación española viaxou a distintas cidades de tres repúblicas  da URSS (Leningrado. Moscova, Kiev, Bakú). Porén a publicación de Alonso Montero non só recolle os textos escritos durante a viaxe ou despois do seu regreso, senón tamén unha restra de escritos do líder galeguista, interpretables desde a óptica procomunista, compostos en 1938.

   Foron vinte e seis días de visita  a fábricas, kolkhoses, casas de saúde, teatros… nos que Castelao e os seus acompañantes tiveron a oportunidade de ver unicamente a cara máis positiva do réxime soviético, como tal a acertada articulación do Estado Soviético, que Castelao aplaude de xeito incondicional, carente de calquera espírito crítico, mais, como matiza o autor, Castelao e os seus acompañantes, “viaxaron totalmente alleos” ás terribles purgas de Stalin, que xa se iniciaran con anterioridade a súa viaxe.

   Castelao, como é sabido foi un intelectual católico, nunca militou nun partido proletario (“Yo no soy comunista”, confesoulle a Luís Soto). Con todo, na mesma confesión Castelao admite que na súa  viaxe a URSS adquiriu o convencemento de que alí se estaba xerando unha nova vida que servirá de modelo para os demais pobos do mundo. Unha viaxe, pois, que deixou en Castelao unha fonda pegada, ata o punto de que de que algúns contemporáneo seus como Ramón Suárez Picallo falen de que despois desta viaxe Castelao estaba feito unha “piltrafa política”.

   A fonda e penetrante investigación de Alonso Montero enche ou completa un baleiro non suficientemente iluminado da vida de Castelao. Con esa vontade achégalle ao lector un mollo de textos referentes á viaxe descoñecidos ou deficientemente exhumados, acompañados dun impagable exercicio de presentación e de glosa dos mesmo, contextualizador e definitivamente aclaratorio, baixo a ollada que preside  a investigación: o filocomunismo e o prosovietismo de Castelao durante a Guerra Civil, baseados na  realidade do Estado Soviético que lle foi permitido ver e que, xunto co éxito da exposición dos seus debuxos bélicos realizada e Moscova, levantaron no autor de Sempre en Galiza un fervor pro-soviético que se esvaecerá de vez despois do pacto xermano-soviético de 1939.

Xesús Alonso Montero

Os tres capítulos finais, igualmente contextualizadores verbo das viaxes a URSS durante os anos da Gierra Civil e o seu significado; o seguimento do periplo viaxeiro de Castelao na Unión Soviética; un pormenorizado estudo da posición e evolución de Castelao durante a Guerra Civil e mesmo despois de 1939; e un interesante anexo documental e gráfico completan un libro oportuno e necesario para un cabal coñecemento da personalidade e da biografía de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Ensaio coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s