Oficios do Destino

O destino de Clarescura Lens

Alfonso Álvarez Cáccamo

Biblos Clube de Lectores, Cesuras (A Coruña), 2012, 88 páxinas

 

 

 

Alfonso Álvarez Cáccamo, malia a súa escasa produción editorial nos últimos anos, é unha das referencias destacables da narrativa galega contemporánea. Éo sobre todo porque o escritor vigués é un grande inventor de historias, de mundos máxicos adobiados por unha sorte de linfa satírico-xocosa que o autor controla con mestría, como acreditan novelas da súa autoría como As baleas de Eduardo Reinoso ou O Espírito de Broustenac. A súa creatividade, traducida na particular literariedade do escritor, incorpórase arestora á colección Mandaio da Editorial Biblos.

   E faino cunha novela breve que traslada o lector a comezos do pasado século, logo de que os socrutos invadiran o territorio da República de Inmeria, no que instauran unha feroz ditadura. Aos poucos anos nace nunha aldea perdida entre as montañas unha nena. As estirpes rivais das que procede, inmeriáns e socrutos, que seguen enfrontados, discuten a preeminencia dos apelidos, mais aceptan a solución que elixe o sabio Osurac que tamén elixe o nome de Clarescura, convencido de que tal nome conformrá o Destino: medio boa e medio mala. E o Destino, xaora, comeza a velar pola existencia da meniña, coa particularidade  de que é un ser corpóreo, vive nunha cabana e leva mal a conta da súa idade. Oniso é o seu nome. Axexa tras as fiestras e faise o encontradizo para cumprir a súa encomenda: ser amigo e protector da nena Clarescura. O escritor encoméndalle ademais o papel de ser a voz narrativa, contando os acontecementos en primeira persoa.

Alfonso Álvarez Cáccamo

Con pingas ben dosificadas de humor e ironía e un hábil emprego de abondosos semi-palindromos para caracterizar os personaxes, A. Álvarez Cáccamo mergúllanos nunha entretida trama -o remuíño de acontecementos nos que se desenvolve a existencia de Clarescura Lens- pero sobre todo nun relato no que a tonalidade principal vén marcada polos trebellos do Destino (O Sino) que desenlea a madeixa dos acontecementos, provoca por veces cousas estrañas    ás que avaliamos como casualidades que algunhas veces comportan consecuencias tráxicas e outras son os alicerces da felicidade presente ou futura.

(Texto publicado o día 6 de setembro de 2012 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to Oficios do Destino

  1. pilar di:

    O DESTINO DE CLARESCURA LENS
    Me gusto el relato de la existencia de Clarescuna e como Oniso empeza a velar pola existenza da meniña un relato dos acontecementos. Lereino

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s