Crónica ficcional da resistencia galega contra os franceses

O sabre do francés

Miguel Anxo Fernández

Editorial Galaxia, 2ª edición, Vigo, 2012, 223 páxinas.

 

 

   Aos dez anos de saír á rúa por primeira vez, publica Galaxia unha nova edición de O sabre do francés, un ramallete de relatos que supuxo o debut de Miguel Anxo Fernández na narrativa de ficción. Unha edición revisada e ampliada con dous novos relatos: “A negativa do dragón Émeri Vendermot” e “O sangue dos Cortiñas. Na meirande parte dos relatos de Miguel Anxo Fernández o protagonismo simbólico correspóndella a un sabre -velaí a coherencia do título-, porén o protagonismo real e substancial é a resistencia dos galegos contra as tropas napoleónicas no ano 1809.

   Un sabre, en efecto, cun diamante engastado na empuñadura latrica con todos nós neste  libro de Miguel Anxo Fernández a través do reconto das súas vivencias con distintos donos desde comezos do século XIX. Son as lembranzas dun sabre que pertencera ao xeneral de dragóns Lahoussaye, contendente na campaña de Galicia ás ordes do mariscal Soult.  Aquí o atopamos en moitas das prosas deste libro coas súas acordanzas douscentos anos despois como un ser animado, ateigado de experiencias vitais, disposto a relatarnos a súa azarosa existencia.

   A través das súas memorias sabemos da batalla de Mouretán, onde deran comezo as súas desventuras e rematara  a súa andaina militar. Naquela algarada perdeu o seu amo e foi parar ás mans do abade comandante dunha “alarma”. A partir deste intre empeza a participar, non en batallas de estratexia, senón en celadas e emboscadas, como propiedade de distintos donos: un capitán da gavela do Carballiño que o emprega no mal combate, un ferralleiro que o trata como un refugallo, un señorito carlista extremado, un peón dunha obra que o converte en ferramenta para cortar galleiros, afiar estacas, chimpar cabezas de galiñas… Ata rematar nun museo militar onde fica cun carteliño que non lle fai xustiza os seus orixes, aturando melancólico as miradas cobizosas de ducias de escolares. É o nostálxico currículo do sabre do francés co que rescatamos a convulsiva historia dos nosos dous últimos séculos, convertido no relato central desta escolma de prosas de Miguel Anxo Fernández.

   E xunto a el, outras doce pezas que encaixan á perfección na ficción de formato breve, sérvenlle de acompañamento neste libro de estrutura mais ben pechada, pois todos os relatos de Miguel Anxo Fernández inciden na mesma temática e no mesmo marco argumental: os tráxicos enfrontamentos das partidas galegas contra as tropas napoleónicas na Afrancesada de 1809.

   Penetra pois Miguel Anxo Fernández no espazo dos narradores ao abeiro do relato de fasquía histórica, amalgamando as súas prosas por un nexo de unión: a loita de defensa da terra contra as tropas francesas. Xa que logo, un paso adiante e, ao meu ver ben cimentado, no camiñar da narrativa histórica galega, ese xénero que recrea feitos históricos e adiviña fabulosamente o que  a historia silencia ou esconde. E así como polas novelas de Walter Scott pasa unha boa parte da historia da Inglaterra medieval, por estes trece relatos desfila a crónica da resistencia galega ao exército bonapartista con tanta veracidade como a que se conta nos libros de texto. Mais co engado da invención de personaxes, ambientes e acontecementos que non están acreditados nos anais das crónicas, pero que moi ben puideron ter acontecido.

   Non son pois as narracións do escritor do Carballiño simples exercicios de estilo con nula substancia argumental, senón o traballo ben elaborado dunha voz narrativa sólida, creadora de historias vigorosas. Cómpre pois ollar este presado de relatos como unha desas contadas excepcións capaces de achegar á literatura galega relatos que encerran historias que merecen a pena ser contadas. Narracións de feitos arreguizantes, de crueldades sanguinarias, de carnicerías horrorosas, xunto a actos de piedade,  compaixón e heroicidade sen conto. A acción dos labregos galegos convertidos en desapiadados guerrilleiros, significou para os franceses, nas prosas de M. A. Fernández, unha auténtica baixada aos infernos como nolo amosa o protagonista do conto “O baúl dos adeus”, o xefe do servizo funerario do exército do mariscal Ney, ao facernos ver a barbarie aterradora desde a súa perspectiva de enterrador e notario das despedidas dos aspirantes á morte.

Miguel Anxo Fernández

 Os relatos de O sabre do francés aproxímannos a seres anónimos que nos seus últimos alentos fan vibrar o son doente da gaita como derradeira música de fondo, ao imperio e á forza do amor que nas alboradas de coitelos, non coñecen nacionalidade nin bandos ou ao barbeiro Valentín Doforno que tivo baixo a súa navalla o pescozo de Soult. Historias tenras, rebordantes de épica, creadas por un escritor con boa imaxinación para inventar, que foxe de calquera caste de maniqueísmo e que reflicte o atoleirado fanatismo que por veces gastaban os resistentes, labregos galegos, fronte ao invasor xacobino, encirrados por cregos e abades que no fondo defendían os seus privilexios. O autor sérvese de formas expresivas afíns á linguaxe cinematográfica tanto no dominio dun ritmo áxil á hora de transmitirnos lances vivos e vehementes, como na creación de imaxes de forte contido sensorial para describir sucesos, obxectos, lugares e ambientes humanos.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Narrativa galega, Relato breve coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s