Esperando o leiteiro

Esperando o leiteiro

Xosé Neira Vilas

Editorial Galaxia, Vigo, 2012, 108 páxinas.

 

 

     O protagonista da última novela de Neira Vilas, Esperando o leiteiro, é un mozo campesiño que nos anos cincuenta do pasado século pretende emigrar a Buenos Aires. Sae da súa casa para coller o “coche de liña”, pero pérdeo e daquela camiña sete kilómetros coa maleta ao lombo para esperar o leiteiro  e viaxar con el ata Santiago a onde espera chegar con tempo para subir ao tren que o leve a Vigo e alí poder embarcar con destino á Arxentina. Sentado na maleta de emigrante e acompañado por unha vendedora de figos e un home que leva o seu fillo ao oculista, cavila e recorda, nun monólogo en segunda persoa, unha práctica narrativa pouco habitual na narrativa de noso. Así dá comezo Esperando o leiteiro, a novanovela de Neira Vilas na que volve deitar unha ollada sobre a emigración e retrata asemade con verosimilitude  a realidade social e política do país naqueles anos de miseria.

   A novela é  a radiografía dun universo hoxe desaparecido, o da aldea coas súas prácticas e vezos, os seus traballos e abafos, a súa fala, presentada dun xeito en boa medida experimental: un

Xosé Neira Vilas

monólogo sen interrupcións, sen capítulos nin puntos aparte, porque, así o xustifica o escritor, o pensamento non ten capítulos, flúe como un regueiro e, mentres o protagonista cavila temeroso de que non chegue a tempo o leiteiro, calquera asociación de imaxes ou ideas sérvelle de motivo para rebobinar a súa existencia, despedirse do mundo miserento que o acollera ata entón e proxectar a súa imaxinación, inquedanzas ou esperanzas sobre Buenos Aires, fronte á rachadura da emigración, ao abandono da vida familiar nos días da infancia e tamén á miseria material e moral da posguerra. Amalgama Neira Vilas anécdotas e circunstancias autobiográficas ou históricas (o primeiro baile, a confesión por escrito, a explotación do volframio, os traballos agrícolas, a violencia de fondo sobre todo contra as mulleres…) cun amplo material ficcional, servíndose axeitadamente do humor, como o mellor aliado para retratar un universo ateigado á vez de miseria e de soños, descrito cunha lingua sinxela e accesible. Con esta novela, Neira Vilas segue profundando literariamente no feito migratorio que tan ben coñece por ter sido el mesmo testemuña do mesmo durante moitos anos.

(Texto publicado o día 24 de agosto de 2012 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal pinchar aquí)

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to Esperando o leiteiro

  1. Estimado Paco: véxote con bo ollo (crítico). Que sexa en hora boa!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s