Lilus Kikus
Elena Poniatowska
Tradución de Teresa Moure
Ilustracións de Santy Gutiérrez
Editorial Trifolium, Iñás-Oleiros (A Coruña), 2012, 55 páxinas.
Co primeiro libro de contos co que Elena Poniatowska se iniciou na escrita, Lilus Kikus, bota a andar unha nova colección de Editorial Trifolium, “Lunalimón”, dedicada ao libro ilustrado e na que esperamos gorentar fermosos agasallos, coma este meiró, no que a infinda capacidade fabuladora desa muller,Hélène Elizabeth Louise Amélie Paula Dolores Poniatowska Amor, que naceu princesa, pero que, logo de renunciar a nomes e apelidos, exerceu ao longo da súa vida como xornalistas e apaixonada escritora de literatura testemuñal do México do pasado século, dándolle voz aos sen voz, prestándolle a súa palabra e as súas fantásticas imposturas a moitas mulleres ás que admira ou coas que se condoe..
Mais, como digo, Elena Poniatowska iniciouse na escrita retratando o máxico universo infantil con este material de contos de Lilus Kikus, que comezaron a comercializarse no ano 1954. Un traballo que a creadora de La noche de Tlatelolco ou Leonora construíu recibindo o alento e a inspiración da súa propia infancia.
Os doce capítulos ou seccións que agroman neste belido libro, narran as vivencias que agroman no interior ou no exterior da nena Lilus Kikus, vivencias que lle permiten ir descubrindo o mundo: o máis sinxelo e as experiencias que, por veces, semella que corren paralelas cos seus soños.
Lilus, medioteatreira, exploradora, nena de area, de iodo, de sol e vento, sempre soñadora, observa cos cinco sentidos os lugares onde se atopa, as actitudes das persoas e chega a conclusións, consonte co que entende ou imaxina. Mais Lilus tamén representa, cos seus “inocentes” inquéritos, as críticas e solucións aos problemas cotiás que acontecen no México no que vive. Así, ao escoitar os berros dos manifestantes nunhas eleccións apelando ao pobo, Lilus pensa no pobo, mais, ulo o pobo?.
Ao longo dos relatos, Elena Poniatowska achéganos as actividades que fai Lilus: fita paxariños, cempés, formigas, vai a un concerto, á praia de Acapulco onde soña que ten marido, un marido tan serio coma un funcionario. Pero Lilus non fai nada cando nada ten que facer e coida que as parvas son as persoas máis encantadoras do mundo. Tamén -velaí a súa sabía inxenuidade- se fai “grandes” feridas para cobrar por ensinalas.
Os pensamentos da cativa mesturan simplicidade, inocencia, profundidade e estrañeza, mais tamén un fondo e resignado sentido relixioso-estamos no anos 1954- que fai que no derradeiro capítulo Lilus ingrese nun convento, onde sabe da Virxe, explícanlle a honorabilidade, pero tamén a esperar sobre o leito o seu futuro marido, paciente e submisa!
Unha narradora omnisciente salta sen continuidade dun episodio da vida de Lilus a outro. Con todo, cada experiencia da cativa convértese nun revulsivo que nos fai pensar. Na forma de narrar, máxica, malia a linguaxe coloquial, vertida a un galego xenuíno por Teresa Moure e fermosamente ilustrada por Santy Gutiérrez, estoura a inmensa curiosidade dun personaxe infantil que é capaz de pór orde no mundo sen facer nada, soamente divagando e observando o seu redor.