Repensar a identidade desde o cabo do mundo

Fisterras atlánticas

Lecturas dende o cabo do mundo

Santiago Lamas

Editorial Galaxia, Vigo, 2012, 310 páxinas.

 

   Santiago Lamas, que foi psiquiatra pero xa no exerce de tal porque, segundo confesa, non lle axuda para comprender a natureza humana, é sobre todo un home de letras, de moitas lecturas seguindo a tradición secular dos médicos humanistas, que tan abondosamente teñen contribuído a engrandecer os sistemas literarios, tamén o noso. Un lector que procura transmitirlles aos demais as súas lecturas, tarefa que leva facendo xa desde hai anos no eido do ensaio, con algúns títulos cun contido suxestivo e interesante, verdadeiras diagnoses, ben sexa no terreo da esculca da realidade (Notas para una teoría de la realidad, 1988), ben no da identidade persoal (Sobre el yo y otros objetos no identificados, 1994). E tamén repensando a realidade e a identidade galegas (Galicia borrosa, 2004).

   Proseguindo na mesma teima e escribindo de xeito interdisciplinar, desde unha fisterra ou cabo do mundo que nos tempos de internet xa non o é, Santiago Lamas deita neste libro un mangado de ensaios alicerzados na idea de nación, na xénese e na formación da identidade social que se artellan e alimentan tanto no emprego de bandeiras e símbolos, como de textos históricos que recrean ou manipulan o pasado.

   Esta é sen dúbida a parte central e definitoria deste libro. O autor analiza de xeito conspicuo a función que os textos literarios, os himnos e bandeiras, as viaxes, as literaturas falsarias e mesmo a etnoxénese cos seus múltiples inquéritos aínda non resoltos, teñen na construción desas identidades nacionais e nomeadamente na identidade de noso, prestando especial atención ás achegas dos escritores do Rexurdimento e da Xeración Nós.

   Porén o contido de Fisterras atlánticas é misceláneo. Endalí que un orixinal ensaio sobre a figura de Don Xoán abra a publicación. Péchaa outro sobre a natureza da novela negra / detectivesca e a súa presenza no sistema literario galego. Estuda Santiago Lamas a posible orixe galega do mito donxoanesco, o seu tratamento na literatura, rematando cunha crítica moi oportuna e xustificada aos donxoáns  que hoxe ateigan os programas de telelixo e as revistas rosas e amarelas.

Santiago Lamas

   Verbo da análise do desenvolvemento da novela negra na literatura en xeral e na galega en particular, Santiago Lamas sostén que o agromar deste tipo de novelas marca un cambio cognitivo revolucionario (páxina 247): nos anos 70 do século XIX, o berce do mal deixou de ser a natureza virxe -así fora entendida polos pioneiros norteamericanos- e trasladouse ás cidades. Velaí pois aos detectives combatendo a estes “indios urbanos salvaxes”, representantes do mal.

   Canto á novela negra na literatura galega, Santiago Lamas recoñece que, chegado o tempo, Galicia inzou de detectives literarios, vidos ao principio de fóra. O seu percorrido polo desenvolvemento do xénero, dos fíos detectivescos / criminais na literatura galega non só é completo, senón tamén orixinal, no sentido de que presenta con aguda perspicacia unha visión crítica do xénero en Galicia, independente e afastada da crítica canónica, máis ou menos oficial.

   Aínda que o ensaísta  diferenza en termos xerais a novela negra da novela enigma, pola miña parte boto en falta esa distinción a respecto da novela negra galega, a novela do mundo profesional do crime, na que cobra unha grande importancia o retrato crítico, psicolóxico e  social, pouco abondosa entre nós e cuxo modelo podería ser A esmorga, e  a novela de detectives ou novela enigma que inza arestora a narrativa galega, que privilexia o que en inglés se coñece como Whodunit (quen o fixo?), menos rica e complexa e que, na miña estima, ocupa todos ou case que todos os fíos do xénero na literatura galega.

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Ensaio coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s