Formigas
Tucho Calvo
Ilustracións de Juan Carlos Abraldes
Biblos Club de Lectores, Cesuras (A Coruña), 2012, 96 páxinas.
Non é a primeira vez que Tucho Calvo penetra na narrativa de terror. Fixérao xa no ano 1996 con Telúrico. Recunca arestora no xénero agasallándonos cunha novela breve, xurdida da experiencia de ter informado como xornalista dun parricidio acontecido nunha aldea galega e tamén como froito da sedución que o autor sente polas formigas, uns dos seres vivos anteriores aos seres humanos, cunha ríxida organización social e capaces das máis arrepiantes crueldades nas súas loitas e na procura de sustento.
A novela bota a andar cun sórdido parricidio nun lugar ignoto ao que se achega un xornalista para obter dos familiares e veciños do morto a versión dos feitos. O parricidio semella a primeira vista o desenlace dunha historia de violencia doméstica, un drama familiar, no que se mesturan sangue e miseria nun lugar miserento, illado na fraga, que vivira, porén, o esplendor dos anos do wolfran.
Mais pouco a pouco o que comezara sendo a crónica dun crime, transfórmase nun relato de terror. Con habilidade e oficio, o autor describe o escenario do crime: un ambiente fantasmal no que semella estar mergullada a aldea perdida, na que suceden desacostumados acontecementos: frío no mes de maio, moreas de formigas no inverno e un intenso cheiro que resultou proceder precisamente dunha substancia que emiten as formigas.
O relado dá entón un xiro de cento oitenta graos e convértese nunha loita frenética contra unha persistente invasión de formigas, formigas omnívoras, verdadeiras “raíñas de creación”, que levan por diante calquera traza de vida.
Unha ficción de medo e de terror en formato curto como aconsellaba Allan Poe. O sentido do morbosamente antinatural non ten que ver no relato de Tucho Calvo co preternatural nin con ningunha psicopatía, senón cunha realidade hostil consecuencia das mutacións regresivas, debidas ao mal uso que o ser humano fai do medio natural.
Deita pois Tucho Calvo un relato de medo pánico empregando as estratexias propias do xénero de medo ou de terror: sitúa o relato nun marco próximo á actualidade; cédelle a narración a un dos personaxes protagonistas, que o fai en primeira persoa para conferirlle maior credibilidade aos acontecementos; emprega preferentemente o pasado imperfecto, un pasado que actúa sobre o presente e, sobre todo, ganduxa a historia con poucos acontecementos, administrando habilmente a intriga e a sensación de perigo que, sen dúbida, provocan sobre os lectores eses irrefreables enxames de formigas que atacan con devastadora e mortífera eficacia.