Murguía
Xosé Ramón Barreiro Fernández
Editorial Galaxia, Vigo, 2012, 983 páxinas.
Con preto de mil páxinas neste libro, inaugura Xosé Ramón Barreiro Fernández a nova colección “Grandes biografías”, un importante proxecto editorial co que Galaxia fai unha achega moi relevante á cultura de noso. O expresidente da Real Academia Galega dedica o seu monumental estudo a profundar na biografía e en todos os avatares vitais e culturais da figura do seu predecesor e fundador da Real Academia Galega, Manuel Murguía.
Unha esculca no carente de dificultades e riscos, pois se algo presidiu o pensamento de Murguía no terreo persoal e familiar foi o ocultamento: “(…) o vello mestre, que pasou toda a súa vida ocultando precisamente as respostas e non só as referidas a Rosalía senón tamén a el mesmo” ( páxina 7).
Mais Xosé Ramón Barreiro, como froito dun traballo investigador rigoroso e minucioso, foi capaz de desvelar non só este ocultamento, as penumbras e sombras espesas que rodean certos tramos da vida de Murguía, senón tamén as trampas que o “pícaro ratón” con “tragadeiras de xigante” foi colocando á mantenta para desorientar a quen tivese a ousadía de penetrar nos seus anos escuros e reelaborar así una biografía canónica, “compracente e sen arestas” del mesmo e de Rosalía de Castro, a súa muller.
A investigación e o achegamento á figura de Murguía, labor ao que Xosé Ramón Barreiro dedicou varios anos, deu como resultado esta biografía canónica do primeiro teórico da nación galega. Desde hoxe, obra de referencia imprescindible para coñecer a vida e a obra do primeiro presidente da Real Academia Galega.
Sen intencións panexíricas e desterrando asemade calquera sorte de maniqueísmo, Xosé Ramón Barreiro, logo dun rastrexo nunha manchea de arquivos, foi capaz de penetrar na vida de Manuel Murguía e na de Rosalía de Castro en canto formou parte do contorno familiar do intelectual nado, non en Pastoriza, senón no lugar de Froxel, freguesía de Oseiro.
A investigación detense a eito e de forma moi pormenorizada en desvelar a atormentada infancia de Murguía, a proxenie paterna e materna, a mocidade rebelde, a viaxe a Madrid para estudar farmacia, o nacemento do escritor, o coñecemento e matrimonio con Rosalía, o retorno a Galicia, a Revolución de 1868 e o acceso ao funcionariado, o labor xornalístico e de investigación, o seu labor como “pontífice do rexionalismo”, a constitución da Real Academia Galega, a vida de Muguía como xubilado e o devalar dunha existencia. Finalmente un capítulo destinado a analizar o destino da biblioteca e do arquivo de Murguía e os anexos fotográfico, documental e bibliográfico completan esta inmersión na vida e na obra dun persoeiro que foi o primeiro teorizador do feito diferencial galego, un intelectual que asumiu, conxuntamente coa súa muller, a idea da rexeneración de Galicia.
Moi recomendable, xa que logo, polo seu rigor e amplitude esta biografía do primeiro nacionalista galego.