“Roxe de Sebes”, a proba do Courel

Roxe de Sebes

Ignacio Castro

Noitarenga, Santiago de Compostela, 2001, 140 páxinas.

Reedición: Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2011, 118 páxinas.

 

Roxe de Sebes foi e segue a ser un libro singularísimo. Editado por primeira vez no ano 2001 por Emilio Araúxo en Noitarenga e reeditado o pasado ano pola Fundación Luis Seoane, dentro do proxecto “Cabañas para pensar”, é un libro de lectura minoritaria mais imprescindible para todas aquelas persoas que intentan atopar a outra dimensión de realidade, a dimensión profunda e xerminal do lugar, do silencio da serra nun mundo que non nos deixa escoitar co estrondo dos reactores e das marañas das vías de comunicación.

Ignacio Castro (Santiago de Compostela, 1952) é un pensador galego e crítico de arte, residente profesionalmente en Madrid, pero que nunca fai o xordo aos ecoares da cultura galega, na que irrompe de cando en vez con produtos lúcidos e arredados de tantas lambetadas ao uso dos padais snobs. Libros os de Ignacio Castro en galego ou en español, abeirados na nidia verticalidade do pensamento. Da súa autoría como escritor galego son Alén de fenda (1994), o libro que seguramente preparou no retiro da cabana do Culán  e que en tantas en tantas cousas se asemella á augación de natureza que enche estas páxinas. E antes de saír á rúa Roxe de  Sebes, editou, tamén en Noitarenga os debates que sobre Novoneyra se celebraron en 1999 no pazo de O Picón, baixo o título, Neste silencio. O pasado ano daba ao prelo Formas de indefinición en Axouxere Editora.

Roxe de Sebes alicérzase nos materiais conservados e froito dunha experiencia radical que o autor viviu entre os anos 1983 e 1989, para enchouparse na aprendizaxe interminable da montaña. A proba consentiu no voluntario desprendemento do mundo e no retiro na cabana de Culán en Roxe de Sebes, arriba da aldea de Mazales (Serra do Courel) durante mil días. Ignacio Castro pasou vencellado  a aquela paisaxe sete anos, divididos en sete períodos de dous a catro meses. O illamento foi absoluto. Case que nunca subía ata aquela serra ninguén. Raramente un cazador ou algún pastor que se achegaba a aqueles pastos altos, solitarios.

Que pescuda o pensador con estes mil días vividos alí onde as cousas e os seres  se xuntan nun emblema de todos os silencios? Inverter o camiño que propuxera Marx: volver da “acción” á “interpretación”. Se Santiago fora nos anos mozos do autor, o escenario do marxismo, Roxe de Sebes será o da filosofía. Ou dito con palabras que o autor dirixe a  D.G.S. (Domingo García Sabell): atopar a identidade do singular do universal, o movemento e a quietude, o pensamento e a existencia, materiais cos que, lentamente e no illamento de cristal dunhas montañas, se pretende construír o mundo.

A incomunicación foi tal que, á parte do perigo metal daquel tremendo silencio das serras, calquera enfermidade ou accidente podería ser mortal. É certamente a proba de lume do Courel. Mais a experiencia foi fecunda e valiosa, pois logo daquela vivencia radical de unidade, o pensamento acadou a capacidade de desdobrarse, de ser dous, sen deixar de ser un.

Na soidade da montaña acadou Ignacio Castro un sexto sentido verbo da realidade natural, verbo da troita e do cervo, que nunca tivera antes. A mesma inflexible castidade que alí ten que vivir, unha sorte de adroxinia ascética que o liberaba dos impulsos da relación sexual, permítelle revivir todos os personaxes que un fora no pasado, reconquistar o sentido da comunidade desde cero: “eu era interiormente tamén todas as mulleres que coñecera”. En resumo, a experiencia asemellouse ao traballo dun místico para adaptarse ao mundo, para poder aceptar a infamia de vivir neste mundo, acompañado polo cristal da montaña.

Ignacio Castro

Roxe de Sebes é un libro humilde pero marabillosamente luminoso do que moi pouco se ten falado e coido que tamén moi pouco  se falará no futuro. Porque os rebumbios do noso mundo son a súa antítese . Pero a súa lectura debería converterse  no báculo laico para nos atopar a nós mesmos. Dividido estruturalmente en catro grandes partes; “O caderno de intres”: unha manchea de haicus  ou breves frases descritivas ateigadas de musicalidade e lirismo ao estilo de Novoneyra (“Abeluria, xanzá, tollemerendas: flores de montaña, beleza escondida do mundo”); “As cartas dende  a cabana”: cartas que van nunha soa dirección, sen resposta. Todas, agás unha, dirixidas á familia, e ás que lles chama “traballo”, como se fose un labor calquera de supervivencia; “Mil días”, é dicir, a crónica e a reflexión filosófica verbo desta amalgama coa natureza que nos fai baixar de toda vaidade ao escoitarmos o canto das pedras. Finalmente unha IV parte, “Clima e acción: unha poética e ontoloxía do lugar. O sitio, o lugar é tematizado como algo propio do pensamento fronte ao esquecemento actual de toda experiencia directa, do sosego, dos sitios hoxe abandonados e cubertos de po.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Narrativa Non Ficción coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s