“Aire negro”: amor e terror en formato longo

Aire negro

Agustín Fernández Paz

Edicións Xerais, colección Narrativa, Vigo, 2012, 198 páxinas.

 

¿Existe realmente, como cren as mentes populares, a Gran Besta, O Maligno, unha realidade abominable, que fica durmida debaixo de nós, nas furnas e nos infernos do noso submundo, pero que de cando en vez esperta e sae á superficie para estarrecernos e estender o espanto entre os seres humanos? ¿Ou, como mantiña Jung e a psiquiatría oficial, trátase unicamente dun arquetipo máis, dunha imaxe simbólica que perdura nos mitos de todas as culturas e que reflicte un dos moitos monstros interiores que aniñan no noso cerebro, ese arcano cerebro reptiliano que evolucionou ata chegar ao actual? Velaquí o inquérito crucial arredor do que se ergue Aire negro de Agustín Fernández Paz. Un asunto complexo que, como núcleo diexético, significaría unha verdadeira catástrofe, un naufraxio novelesco para calquera escritor que non tivese un dominio da arquitectura narrativa como o que posúe Agustín Fernández Paz, non como agasallo do Olimpo, senón como froito do traballo e das arelas incansables do escritor.

Aire negro foi editado orixinalmente no ano 2000, na colección “Fóra de Xogo” de Xerais, foi reeditado en numerosas ocasións, acadando asemade varios premios, entre eles o Premio de Literatura Protagonista Jove 2000, o IBBY Honour List 2002. O éxito acadado fixo que podamos ler arestora a novela na colección emblemática de Xerais.

A novela de Fernández Paz é un romance que fará xurdir no lector as dúbidas sobre se trata dunha historia de terror ou dunha historia de amor. Pertence claramente ao xénero de medo e amosa con perspicacia “o sentido morbosamente antinatural” que é así como definía o xénero Lovecraft. Unha peza de terror en formato longo, un dos poucos casos na literatura galega na que as ficcións de terror teñen case que sempre a forma de conto, como, por outra banda, aconsellaría o mesmo Alan Poe.

Unha excelente fabulación longa de medo e de misterio que xira, como xa ficou dito, verbo da Gran Besta, interpretada ben como mito galego, ben como arquetipo junguiano. O máis significativo e rechamante de Aire negro  é que, fronte á racionalidade da ciencia (o profesor de instituto, o médico psiquiatra), ao final acaba por imporse a  vella crenza galega do mal, encarnado na Gran Besta, no Demo Maior que fica durmido nos infernos e que esperta  de cando en vez, sendo sempre o factor desencadeante, o espertador, unha fermosa muller de pelo vermello.

Neste sentido podemos valorar Aire negro como unha novela de medo moi étnico, que fai esquecer as teorías dos psiquiatras. Os galegos estarrecemos, desde a noite dos tempos, por cousa dun medo real, que pouco ten que ver coas imaxes  simbólicas do inconsciente cultural da psique colectiva. E, en canto tal, o lector vai atopar nas súas páxinas, abismos, negruras, buracos negros, unha inmensa sombra negra que provoca insoportables sensacións de espanto, tebras espesas como o alcatrán, viscosidade, masa pastosa, aire frío e fétido coma un alento nauseabundo.Son as sensacións sensoriais que desprende a Gran Besta cando nos axexa.

Poren, Aire negro é moitas outras cousas. Certamente, unha historia de amor. “A auténtica cerna do relato é a historia de amor”, declarou o mesmo autor co gallo da primeira edición. Un eixo central, Laura Novo, e dous homes xirando ao seu redor. Así mesmo, unha viaxe interior, a penosa ascensión da protagonista polos ríos da memoria ata o corazón das tebras -.a Gran Besta-, que o autor moi oportunamente non deixa de asociar coa inquietante viaxe de Marlow, rendéndolle nesta intertextualidade unha homenaxe a Conrad.

Agustín Fernández Paz

Desde o punto de vista técnico, Aire negro conxuga arte e habilidade. As grandes preocupacións formais de sempre de Agustín Fernández Paz non son a frase brillante e requintada, senón a arquitectura do relato, na que é un verdadeiro mestre. O relato, xa que logo, flúe espontáneo, coa virtude da claridade como o seu principal ornato.

 O autor métese na pel dun psiquiatra que lembra e narra os feitos estarrecedores acontecidos tres anos antes. Na metade da novela asistimos a un cambio da voz narrativa: son as páxinas na que Laura escribe remontando o río das brétemas  da súa memoria e perforando as tebras.O primitivo narrador recupera o protagonismo narrativo no remate do libro. Fernández Paz  gradúa co acerto a intensidade da traxedia e así mesmo ten a habilidade de Fole hora de adiantar convenientemente a sensación de terror.

 O relato discorre, por outra banda, por canles clásicas e canónicas, cunha sensata e non pretensiosa nin esgotadora apelación ás teorías de Jung, unha merecida e oportuna  comparación e homenaxe a Joseph Conrad, nunha atmosfera de grande verosimilitude, acada, xaora,  en parte pola estratexia do autor de darlle acubillo nas páxinas do libro a personaxes e acontecementos do noso tempo. Se cadra, por todo iso, Aire negro goza dunha desusada e especial virtude: cando se empeza xa non se deixa ata o seu remate. Coma os antigos libros, os vellos romances ateigados de historia, de vida.

 * Este texto, con algunhas modificacións, corresponde á recensión da primeira edición de Aire negro e foi publicado o día 29 de xuño do ano 2000, suplemento Revista das Letras do xornal O Correo Galego.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s