Amélie Nothomb: elocuente obesidade*

Una forma de vida

Amélie Nothomb

Tradución de Sergi Pamiés

Editorial Anagrama, Barcelona, 2012, 146  páxinas

É a novelista francesa menos francesa de todas as que empregan o francés e a que máis libros escribe ao ano. E faino con tenacidade, como vítima dunha compulsiva bulimia. É  Amélie Nothomb, a “sale gosse”, a tipa mala da literatura francesa, un dos fenómenos literarios máis interesantes das últimas décadas, porque sabe conectar con abraiante complicidade cos desacougos do noso tempo, reflectindo ao mesmo tempo as súas perennes teimas. Unha delas ten que ver co seu propio corpo: foi anoréxica desde os trece deica os vinte e un anos.

A. Nothomb é desde hai moito tempo epistológrafa convertida en escritora e a súa última novela traducida en España, Una forma de vida (2012) pon a proba o seu enxeño epistolar e a súa destreza como narradora. O seu costume de responder as misivas dos lectores está na orixe da trama que reproduce na ficción de Una forma de vida. A novela, en efecto dá comezo cando a novelista Amélie Nothomb recibe e le unha carta dun soldado americano, Melvin Mapple, destinado en Iraq desde o inicio da guerra. Así empeza entre os dous unha relación epistolar que nos descobre desde a primeira carta a enfermidade que na fronte da batalla contraen non poucos soldados USA: non unha vergoñenta enfermidade venérea senón a obesidade. Nos seis anos de contenda o soldado Mapple leva engordado cento trinta quilos. El e outros compañeiros comen e recomen para non morrer. O lector que accede a este espistolario, entra nun estado de shock porque a correspondencia contorna un relato alucinante. O soldado Mapple identifica a súa obesidade con Scherezade, cunha fermosa muller derreada encol do seu corpo.

Os soldados americanos obesos son en Iraq á vez a mellor diana e os sabotadores, porque lles saen caros ao exército: comen en cantidades arrepiantes, cada mes deben cambiar de uniforme, en gastos de saúde e xudiciais a súa factura é moi elevada porque son obesos por culpa de Bush. Coa comida é pois como mellor sabotan  o sistema. Pero a obesidade do soldado Mapple ten ademais un sentido e un obxectivo: incharse cada vez máis ata converterse en Body Art que amose diante do mundo o espanto da guerra. É a elocuencia da obesidade levada ata o esperpento que fai gorentar desta novela e tamén nos obriga a meditar. Cavilar sobre o problema do corpo, sobre a Body Art, sobre o horror e a demencia da guerra.

É quizais a novela máis metaficcional de A. Nothomb polo seu carácter autorreferente. E recupera ademais o mellor da escritora belga: a crítica soterrada  que retrata de xeito descarnado os trazos dunha sociedade cada día máis aliena e entolecida.

* Texto publicado o día 22 de maio de 2012 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Narrativa en español coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s