“O xardín”, unha pequena alfaia de Natacha Michel

O xardín

Natacha Michel

Amastra-N-Gallar, Santiago de Compostela, 25 páxinas.

(LIBROS DE FONDO)

 

 No ano 1995, Ágora, unha pequena editorial e librería malagueña, recollía nun libro colectánea, El instante persuasivo de la novela, algúns dos textos teóricos esenciais de Natacha Michel. Unha novelista que pertence a unha nova xeración de escritores, a que toma as rendas da xeración do Nouveau Roman, caracterizada pola vontade de escritura branca e pola descomposición das formas novelescas tradicionais. Esta nova estirpe de escritores está formada por Michel Chaillon, Michel Deguy, Denis Roche, Jacques Roubaud e tamén pola propia Natacha Michel. Son narradores que intentan de novo “encher a páxina”, facendo gala dunha lingua desmesuradamente forte, adobiada cunha manchea de imaxes. Nunca unha escritura estraña, senón constante. Como escribiu no seu momento Emilio Araúxo, “a novela da segunda modernidade (…) postula a ficción, mais é allea a calquera totalidade imaxinaria, (…) aposta pola prescrición do instituinte ante ca polo exercicio da deconstrución” . Esta irreductibilidade da lingua como lugar por excelencia do espazo novelesco cara a crear mundos ficticios e interpretar  o ser humano e o seu mundo, cristaliza nunha novela escintilante de Natacha Michel, Le repos de Penthésilée, unha obra mestra da narrativa contemporánea na que a autora fai a aclimatación do mito das Amazonas ao espazo novelesco, mais sen rivalizar coa Pentiselea de Kleist (1808)..

Mais Natacha Michel non só é novelista senón tamén unha importante teórica con valiosas achegas e enfoques no eido da temática teatral, con tradución de autores, sobre todo metafóricos (César Vallejo, Djna Barnes). E con textos de natureza filosófica e política, recollidos moitos deles nunha miscelánea que no ano 1997 editou en galego Noitarenga, co entrelazo ABNM no título, o que amosa a súa relación de amizade e a súa admiración por Alain Badiou.

Natacha Michel

Deses mesmos anos, a década dos oitenta, é o texto Le jardin, que en edición non venal apareceu publicado no ano 2003 coma un dos cadernos de Amastra-N-Gallar. De novo desde unha armazón metafórica e cunha grande esixencia artística nun texto moi breve, a narradora axexa e flaxela o noso presente humano, infame e xenófobo, cara a outroque mereza ese nome con máis xustiza, ¿En que se converten os xardíns de París desde que son frecuentados por estranxeiros emigrantes? ¿Por que non prohibirlles o paso? O cerco verbal a un emigrante que acode xubiloso ao lugar de xuntanza, ao xardín parisiense para poder ollar nos nenos que o frecuentan os seus propios fillos, como alegoría do noso tempo. “Teño fillos en Marrocos (…) Dende hai moito tempo non vexo os meus fillos. Cando a miña muller me escribe que o máis vello medrou, que a pequena perdeu os dentes, que a última fala, véñoos ver aquí. Dende hai moito tempo, estou separado deles. Eles, e sinalou o xardín, achéganse a min” ( páxina 25). Velaquí a Natacha Michel creando un pequeno mundo ficticio para falarnos do home e do noso presente, interpretalos e transmitirnos un aviso de alarma.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa estranxeira traducida coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s