“Dark butterfly”, os bechos da traza

Dark butterfly

Rexina Vega

Edicións Xerais, Vigo, 2012, 175 páxinas.

 

“Sinto a cada instante como as bacterias perforan os meus dentes, como vai avanzando a podremia, os bechos da traza. De cando en vez grandes alustros azuis ilumínanme o cerebro. Dor intensa. Só dor. Agradezo esta dor que provén do meu corpo porque me permite non pensar, porque apaga a miña pobre cabeza”

É un breve fragmento de Dark butterfley. Hai moitos  co mesmo calado que conseguen que un verdadeiro arreguizo vaia aniñando no lector a medida que se mergulla na lectura desta novela de Rexina Vega. Unha novela na que a escrita ficcional se conxuga con certos elementos biográficos moi fortes, como confesa a propia autora, que atopa na escrita deste texto unha verdadeira catarse persoal. Unha súa irmá finou como morre a protagonista. Unha conta persoal, xa que logo, que a escritora soubo transformar en ficción. Ficción das vivencias da loucura, esteada en importantes fontes ensaísticas que abordan o tema da esquizofrenia (Foucault, Deleuze, Wolfson) e na que asemade ecoa a intertextualidade (Bernard-Marie Koltès, Cioran, Pizarnik ou o mesmo Ferrín). Tamén a presenza testemuñal doutros autores e autoras. E lampexos, certos berros e expresións lingüísticas tiradas dos cadernos vivenciais da propia irmá que foi vítima desa fenda.

Desde estes alicerces articula Rexina Vega o relato dunha esquizofrenia antes de Internet, co obxectivo primordial de achegarnos unha visión realista e á vez metafórica a través da linguaxe de algo que non é metáfora senón unha experiencia vital dura, desacougante, abafándonos  nun longo e penoso camiño de moitos anos polos infernais abismos -ese val de bágoas do primeiro capítulo- da tolemia.

¿O resultado? Unha vivencia abraiante da loucura, unha baixada aos infernos da demencia a través dun excelente relato, cuxo froito final é unha novela pavorosa. O relato dunha doente afectada de esquizofrenia que, desde o seu diario, nos achega o proceso da enfermidade nela mesma e na carne e na alma de dous amigos que, como ela entran definitivamente na ruína, na noite. Varados primeiro dentro desa gaiola de cristal que é o hospital psiquiátrico, un barco, un acuario sucio, rodeados de seres desposuídos, corpos abertos con inmensas fendas na súa estrutura, marcados pola lobotomía química, por esas drogas que te volven de caucho e fóra da vida. Unha tétrica mais moi realista calada na rutina diaria dun psiquiátrico onde -velaquí as metáforas da tolemia!- se ven luces, regueiros de cor e se escoita o oulear dos monos, onde outros deciden por ti, sabendo ademais que a nada agarda ao final. E fóra do hospital saberse e sentirse non dignos, excluídos socialmente, levando o manicomio dentro, circulando polo propio sangue.

Relato do propio inferno e o dos amigos, refugallos nas marxes da grande cidade, que intentan ser esenciais, deixando de ducharse ou trabando unha determinística amizade coa morte que agarda agochada, como tráxico destino, entre as ondas do mar.

Rexina Vega  tematiza dolorosas e arrepiantes experiencias vivenciais e asemade fai que o lector sinta  unha grande afinidade e empatía con estes doentes, choídos na campá de cristal da indiferenza ou do rexeitamento social. E algo máis: logra que poñamos en dúbida a eficacia de certos medicamentos que converten o doente nun manicomio andante, ou a praxe médica de profesionais que, mesmo con cordialidade, pensan que o enfermo é un violín e o seu deber é conseguir afinalo.

Rexina Vega

A autora constrúe a novela cunha arquitectura compositiva múltiple e orixinal. A narradora homodiexética do diario persoal  que reflicte sobre todo o punto de vista subxectivo, e unha manchea de textos fragmentarios (fríos a asépticos informes médicos, mensaxes gravadas, cartas persoais) nos que se mestura unha suposta obxectividade científica e a inmensa dor desa bolboreta negra que, nun acto final de liberdade, rexeita a lenta lobotomía, pero non é quen de escapar do ouveo que acaba por rachar a súa personalidade. Todo forma parte do desenvolvemento argumental que ten, xa que logo, no fragmentarismo unha acaída estrutura construtiva. Sobre todo cando esta estrutura está revestida dun estilo forte, dunha linguaxe que rebenta en afortunadas metáforas ateigadas de grande forza expresiva e nunha sintaxe que adecúa  o seu ritmo ao propio das vivencias que a autora pretende transmitir.

Ganduxada con estes vimbios, a trama que Rexina Vega nos regala, convértese nun libro pavoroso, como xa sinalei, pero asemade romántico e heroico.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to “Dark butterfly”, os bechos da traza

  1. Pingback: Unha vivencia abraiante da loucura. Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Dark butterfly», de Rexina Vega | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s