Con Carver no horizonte?

Hotel Cidade Sur

Xerardo Quintiá

Editorial Galaxia, Vigo, 2012, 159 páxinas.

 

Foi no ano 1997 cando quen isto escribe tivo a gorentosa experiencia de ler o primeiro libro de Xerardo Quintiá (Friol, 1970). Aquel pequeno volume, Finísimo po nas ás, semellaba á primeira vista literatura insignificante e tematicamente minimalista, ganduxada porén con puntadas de fina textura, literatura inxel pero sen trampas que outra colección de relatos, Unha soa man e outros intres, volveu confirmar  sobre todo como escrita rebordante de aire fresco. Un rabaño de ovellas brancas, outra escolma de relatos, facíanos extraviar, hai agora dez anos, na recreación da Galicia rural, cos seus costumes atávicos, nas dores da emigración e no bulir de maxia que palabras mentireiras van deixando nas almas cativas, nos dramas do creto perdido.

Retorna arestora á narrativa Xerardo Quintiá con oito novas historias recollidas neste volume de Editorial Galaxia. Oito vidas cruzadas que latexan dalgunha maneira nunha pequena cidade galega, nos seus arrabaldes, feitos da confluencia do rural e do urbano, claro trasunto literario da cidade de Lugo. Oito relatos amalgamados pola presenza dun hotel, cuxo nome rotula o libro, e poboados por antiheroes, personaxes perdedores que, á vez que nos mergullan no presente, recúan algúns deles ata outro tempo, o tempo da infancia, no que se pescudan as causas ou as raiceiras da súa vida grisalla na xuventude ou na madurez.

Un monllo pois de contos, transidos case que todos eles pola presenza da realidade urbana e asemade rural e, segundo algúns comentarios, escritos baixo o maxisterio de Raymond Carver, afirmación que coido cómpre matizar.

É verdade que Xerardo Quintiá coñece profundamente a obra e a vida de Carver e tamén a da muller, Tess Gallagher, que compartiu con el os últimos dez anos da súa vida. Coñéceo e quizais admírao ata o punto de convertelo en protagonista do relato que pon cabo á colección, “A derradeira propina”. Un relato de excelente prosa metaliteraria que nos achega á figura de Carver visitando a cidade lucense e hospedándose no Hotel Cidade Sur. O escritor recorre as rúas da cidade e lembra, ao compás dos seus pasos, os anos de propina que significou a convivencia  como parella ao lado de Tess Gallagher. Esa foi a verdadeira propina como expresou no poema “Propina” cando xa era consciente de que se acercaba  a súa hora: (“Unha propina estes dez derradeiros anos. / Vivo sobrio, traballando, amando / E sendo amado por unha boa muller”). Este poema e aquel outro, “O derradeiro fragmento” que está colocado en moitas lápidas de sartegos norteamericanos e que se recita nas vodas, enmarcaron as forzas que uniron a Raymond Carver e a Tess Gallagher: o amor e a literatura e a súa “luminosa reciprocidade”.

A liberdade que a ficción lle outorga ao escritor galego, permítelle conxecturar que foi nesta viaxe cando a mente de Carver concibe aquel poema  e que a derradeira propina foi para Carver a contemplación das rosas que medraban vizosas diante da casa, antes de que se aveciñara a definitiva escuridade da noite.

Mais a escrita de Xerardo Quintiá non sae directamente dos faldróns de Carver, como afirmaba Jay McInerney a respecto dos autores de relatos máis novos que Carver. A icona da literatura minimalista norteamericana “depende do omitido” (Harold Bloom). No entanto, Xerardo Quintiá non comparte co Chéjov norteamericano nin a sequidade da súa prosa, nin o seu estilo elíptico, as súas “diexeses parsimoniosas” ou mesmo insignificantes, os seus inesperados e terribles desenlaces. Tampouco X. Quintiá  comparte o que Tim O’Briam dixo de Carver. O escritor de Friol non emprega o galego como unha coitela, non despoxa as súas prosas de todo, agás a cerna da emoción humana.

Partilla porén da escrita minimalista ese mostrario de heroes que poboan os seus relatos: personaxes sinxelos, triviais, pero cuxas vidas captadas a través dos enfoques ficcionais, sen espazos en branco, sen nada, os converte non en asasinos ou mentireiros, pero igualmente en perdedores, en seres monótonos en fráxil equilibrio, seres grises que ven dunha maneira ou doutra tronzadas as expectativas que algunha vez aniñaron no seu ser formando parte das súas ilusións.

Verbo desas vidas fracasadas indagan sobre todo os cinco primeiros relatos. Será a vivencia da infancia e o seu tránsito á adolescencia, os seus desacougos, as súas tristuras e un ronsel de saudades no friso desa pequena cidade, a cidade infinda que rotula o primeiro relato, porque nela non existen valados nin as corredoiras da aldea. Noutras prosas son as convencións sociais (“A vida como é debido”) as que escangallan definitivamente os soños, as ilusións, transformando a vida dos protagonista en algo rutineiro e insípido. A pusilanimidade  para afrontar, polo que dirán, o íntimo secreto, o sabor do primeiro bico, fai que o protagonista enmascare a súa covardía  cun gran sorriso de amargura.

Xerardo Quintiá

Outros relatos, como “Un libro de John Berryman”, achégannos a outras derrotas, esta vez nos estudos, dun mozo ao que a gadoupa da incomprensión lle arrínca todos os seus soños literarios. Mais Xerardo Quitiá non se circunscribe ao universo infantil ou xuvenil ese remuíño de existencias transidas pola trivialidade con soños fanados. No relato “Romeu & Xulieta, unha historia”  mergúllanos nos fracasos de parella, no baleiro e no naufraxio sentimental.

En resumo, historias cotiás que seguramente non nos deixan arrepiados como aquelas de Carver, desapiadadas ata o inhumano -hoxe sabemos que debido a descomunal poda que nelas fixo Gordon Lish, o editor que o fixo famoso- pero que reflicten fragmentos de vidas idénticas ás de moitos lectores, que por elas mesmas son boas e fermosas prosas e dan testemuño de que tamén entre nós hai moitas “vidas cruzadas” polo fracaso, a inxustiza e aludes de ilusións fanadas.

 

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Relato breve coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s