O da muller, sexo do saber

Festa da Palabra Silenciada, número 27

Dirección. María Xosé Queizán

Vigo, 2011, 178 páxinas.

 

Chega puntual á cita cos lectores este número 27, correspondente ao pasado ano 2011, da Festa da Palabra Silenciada, revista das Feministas Independentes Galegas, que dirixe e anima desde hai case que tres decenios María Xosé Quiezán. Contra vento e marea, Festa da  Palabra Silenciada segue a ser a publicación de referencia obrigada do pensamento feminista libre e independente que se enforna e se coce nos fogares intelectuais da nosa terra. Unha desas fendas que aínda non entupiu o sistema, a engrenaxe uniformizadora que pretende someter o planeta.

E chega, como case sempre, cun monográfico dedicado desta volta ás Nobel científicas. Lembra María Xosé Queizán que, desde a primeira concesión do Nobel no ano 1901 e ata 2010, só trinta e nove mulleres foron galardoadas fronte a máis de oitocentos homes. Unha proba da tardía incorporación da muller aos estudos universitarios, e da súa ocultación nos distintos campos do saber. No eido científico foron quince as mulleres recoñecidas co Nobel. Seis destas científicas están afortunadamente vivas  e activas, ocupándose de diferentes investigacións con achados dunha grande repercusión no benestar da humanidade. Elas convértense en paradigmas para as mulleres que pretenden realizarse no eido da investigación científica, nun contexto dunha certa misoxinia que aínda actúa de barreira ideolóxica e que dificulta, xa que logo, os estudos científicos de autoría feminina. “Estas traballadoras infatigables -escribe María Xosé Queizán- demostran que o sexo do saber pode ser feminino”, malia que a redución á esfera privada lles teña negado ás mulleres capacidade de razón, chegando mesmo a establecer unha dicotomía irredutible entre ovular e pensar, que é unha manifestación máis da oposición natureza-cultura.

Rita Levi Montalcini

Un percorrido polo desenvolvemento das investigacións das seis mulleres Nobel vivas dálle forma e substancia á cerna deste número da Festa da Palabra Silenciada. Son elas Rita Levi Montalcini, Nobel de Medicina en 1986, que aos 102 anos segue activa, esculcando na xungla do sistema nervioso, mais movida  tamén pola arela integradora de ciencia e artes. A biografía de Ada E. Yonath, Premio Nobel de Química en 2009, que se dedicou á ciencia sen pensar se era muller ou non, e estudou  a estrutura e función dos ribosomas. Christiane Nüsslein-Volhard, Premio Nobel de Medicina no ano 1995 polos seus traballos de investigación na influencia da xenética no desenvolvemento embrionario, é a  outra das mulleres obxecto e análise neste monográfico. Completan o número, na súa parte monográfica, tres estudos sobre Fraçoise Barré-Sinoussi, Linda B. Buck e Elizabeth H. Blackburn, Premios Nobel no campo da medicina nos anos 2008, 2004 e 2009 respectivamente.

A tradicional sección “Actualidade” que acolle textos de natureza variada  (obituarios, o “espertar árabe”, un traballo sobre ciencia e pseudociencia, achegamentos a diferentes figuras femininas, a prostitución como como escaparate mediático, recensión de libros, premios a mulleres galegas…) pon de manifesto que nada do que acontece neste mundo, sobre todo no mundo de noso, é alleo a esta publicación galega feminista.

María Xosé Queizán

                                                

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Revistas e cadernos coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s