Eu, Jean Gabin
Goliarda Sapienza
Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 162 páxinas.
Eu, Jean Gabin viu a luz en italiano no 2010, a máis de trinta anos de súa escritura, un retraso forzado por mor do arresto da autora, Goliarda Sapienza e das súas sucesivas detencións no cárcere de Rebibba. Con efecto, Goliarda Sapienza (1924-1996) foi una muller excepcional e afastada das pautas sociais do seu tempo, comezando polos seus anos de infancia desenvolvidos nun clima de absoluta liberdade fronte a vencellos e a normas sociais. Nin sequera frecuentou a escola porque o seu pai quixo evitar que a filla fose vítima das imposicións e influencias fascistas. Formouse como actriz de teatro e durante un tempo desenvolveu unha carreira no teatro, distinguíndose nos papeis de protagonista pirandelliana. Traballou así mesmo, aínda que de forma esporádica, no cine, con pequenas aparicións como figurante no filme Senso de Luchino Visconti.
A finais dos anos sesenta abandonou a carreira de actriz para dedicarse á escritura. Tamén neses anos coñeceu o cárcere debido a un furto na casa duns coñecidos. Na gaiola escribiu varios orixinais, publicando, porén, moi poucos títulos, a excepción de Le certezze del dubbio (1987). A súa novela máis coñecida, L’arte della gioia permaneceu inédita durante moitos anos aos ser rexeitada polas máis importantes casas editoras italiana. Publicada postumamente de forma integral en 2003, obtivo un grande éxito de crítica e de público.
Semellante sorte correu Eu, Jean Gabin, que non viu luz ata hai dous anos. En tradución de María Dolores Torres París, aparece arestora na lingua de noso editada por Galaxia na Biblioteca Compostela de Narrativa Europea.
Escrita en primeira persoa, a narradora autodiexética amósanos unha porción do que Goliarda Sapienza chamaba “autobiografías das contradicións”, un propósito de retornar coa distancia do paso do tempo sobre algúns momentos da propia existencia para comprender que cousas altera o tempo na memoria e a memoria dentro de nós. Pois o pasado xamais fica petrificado como a conciencia de quen é imposible que cale porque está ateigada de vitalidade.
A narración de Goliarda Sapienza sitúanos na Catania dos anos trinta. As fantasías dunha cativa sobre unha estrela do cine, Jean Gbin, un heroe rudo, e nas mulleres que o acompañan na pantalla, fráxiles e esquivas, a anos luz das modernas “damas de ferro”como Margaret Thatcher, con cuxa refencia comeza a novela, son o tema central de Eu, Jean Gabin. O heroe anárquico co que se identifica a pequerrecha, está presente no seu imaxinario logo de pasar as tardes no cinema Mirone soñando coas historias do actor francés, e convértese na clave para comprender un mundo, o mundo da Civita, auténtica casbah de Catania, sobordante de vida nos seus barrios baixos, pero tamén de criminais de todo tipo, incluída a prostitución masculina adulta e infantil.
O seu lendario Jean Gabin do cinema Mirone, mantíñaa a salvo das incursións dos escuadróns fascistas que devastaran a biblioteca do pai e lle deran malleiras aos irmáns.
Eu, Jean Gabin é unha curiosa autobiografía que contrasta cos ríxidos relatos autobiográficos tradicionais e ten a carraxe “de expoñerse espida, sen metáforas, sobre todo a súa orixinal e curiosa infancia” (páxina 149). Para falar de todo iso Goliarda identifícase con Jean Gabin. Pépé le Moko ofrecíalle un ambiente semellante a aquel no que ela vivía. O seu romanticismo libertario era a antítese fronte ao totalitarismo fascista, que ten o poder de destruír ata os soños (páxina 45).
Goliarda Sapienza, que escribe só para ser querida, camiña neste libro, refundición de Lettera aperta polas calellas da súa cidade da man do seu bandido da casbah. A súa escrita, chea de forza e tenrura e por veces telurismo, está atravesada polo atrevemento, o entusiasmo e a arrogancia dunha muller posuída polo pracer da liberdade.