Microbios e outros paquidermos
Fernando Díaz-Castroverde
Editorial Galaxía, Vigo, 2011, 128 páxinas.
Un mollo de microrrelatos alicerzados no temperado comedimento da súa formulación e na absoluta excepcionalidade, todo iso vén constituír a aposta de Fernando Díaz-Castroverde coa que resultou gañador do Premio de Narrativa Breve Repsol 2011. Gorentámolo arestora nun libro que non é monotemático. Todo o que pode ser imaxinado forma parte das pequenas historias ás que o autor lles dá alento nas súas páxinas do volume. Serán os animais, a microeconomía, o derrubado muro de Berlín, a xeira dos faquires, as deslocalizacións, a coleccionadora de selos, os libros de poesía, os individuos-vaca repugnantes, o traballo dos espías…Todo lle serve a D. Díaz-Castroverde para tirar unha historia e facer dela unha acrobacia escrita con persoalísimo acento, destilando concisión e enxeño en perfecta aliaxe coa ironía.
Ao rematar a lectura desta restra de minificcións, ao lector quédalle na boca o mesmo sabor acedo que enchoupou a súa escrita, porque da pluma do autor saen cachoadas de ironía, de humor negro, a burla íntima desas pequenas historias en cuxo centro de gravidade asenta o cinismo a súa presenza. De por parte, a narrativa breve de F. Díaz-Castroverde desenvolve en boa medida a teoría da alusión que propuxo Hemingway. Escritura alusiva, insinuante, que afecta ao nivel simbólico mergullado debaixo da linguaxe, como o iceberg situado so a auga. Correspóndelle, xa que logo, ao lector activo e a súa imaxinación a tarefa de somerxerse para descubrir desde a parte visible a epifanía dos dous terzos restantes.
* Texto publicado o día 9 de febreriro de 2012, no suplemento Faro da Cultura, páxina VII, do xornal Faro de Vigo.