A Illa das bágoas, da clausura, da dispersión, da esperanza

Ellis Island

Georges Perec

Tradución de Eduardo Estévez

Franouren Ediciones, Ourese, 2011, 73 páxinas.

 

Saúdo, antes de máis, a aparición deste novo selo editorial, Franouren, que, coa está a caer no sector editorial, significa un verdadeiro acto de fe na nosa lingua, na literatura de noso. Andando o pasado ano 2010. Franouren botaba a andar da man de Manuel Ángel García Fernández. Con anterioridade, Franouren funcionaba soamente como unha axencia de tradución. Ao proxecto editorial, no que tamén participan Bárbara Álvarez Fernández e Julia Arcos Rodriguez, nomeárono Franouren, un rótulo que sutura Francia e Ourense e nace da intención de centrase no mercado francófono e porque se trata dunha editorial do país, dunha empresa ourensá  que aposta polo libro en papel.

A liña editorial de Franourén céntrase de xeito prioritario na poesía. Endalí a súa colección bandeira, “Maldoror”, unha chiscadela á literatura francesa, en concreto a Les Chants de Maldoror de Isidore Ducasse, coñecido como Conde de Lautréamont. Inaugurou a devandita colección o poemario  As nosas sombras no Xardín de Serralves de Xoán Abeleira. Péchaa, polo de agora, Transición de Fran Alonso “un libro de moitas caras” e “tamén de moitas falas”, nas palabras de María Lado que escribe o limiar e acompaña a Fran Alonso -con fermosa gheada incluída- no recitado  dos poemas recollidos no CD co que Franouren agasalla os lectores.

Mais Franouren edita asemade outros títulos, libros híbridos que lle dan acubillo á poesía e á prosa. O último, ata o momento, é a tradución que Eduardo Estévez fai de Ellis Island de Georges Perec, unha reprodución do manuscrito orixinal do filme “Récits d’Ellis Island. Histoires d’errance et d’espoir” (1980). A presente edición en galego renuncia, porén, a reproducir as entrevistas , ao igual que o fixo a edición francesa de 1995. O propósito de Perec céntrase no texto para subliñar a importancia que na súa escrita tivo o seu enfrontamento co espazo de diáspora, de clausura, de errrancia e de esperanza, que foi desde 1892 ata 1924 Ellis Island.

Con efecto, polo illote chamado Ellis Island pasou a última etapa dun éxodo sen precedentes na historia das inmigracións humanas. Nun estreito banco de area que emerxe na desembocadura do río Hudson, a poucas brazas da Estatua da Liberdade, arrexuntáronse os millóns de homes, mulleres e cativos que erguerían a nación americana. Ellis Island significa o comezo dunha inmigración oficializada ou “industrial”, como afirma Perec. “Unha fábrica de americanos, unha fábrica que transformaba emigrantes en inmigrantes” (páxina 17).

Nese pequeno illote de catorce hectáreas, ao que todas as linguas de Europa apelidaban Illa das Bágoas, chamado no século XVII Illa da Forca (alí foi colgado en 1765 un pirata de nome Anderson), preto de dezaseis millóns de mulleres, homes e nenos procedentes de Italia, Irlanda, Alemaña, Suecia, Austria, Polonia, Ucraína, Noruega, Grecia, Turquía, Dinamarca… foron acollidos, recluídos, dispersados ou rexeitados, porque Ellis Island era a “Golden Door”, a Porta de Ouro, case ao alcance da man de Nova Iorque, da América mil veces soñada, o país onde todos terían a súa oportunidade.

Mais os pavos nunca caeron asados nos pratos e as rúas de Nova Iorque non estaban empedradas de ouro. A aqueles “apátridas sacudidos pola tempestade” como cantan os versos de Emma Lazarus que alguén gravou no piar da Estatua da Liberdade, fixéronos vir como man de obra barata que empedraron as rúas de América, cavaron túneles e canais, construíron estradas, pontes, vías de ferrocarril, os grandes encoros, ergueron os rañaceos “máis altos que os que descubriron ao chegar”.

A prosa poética ou o verso libre de Georges Perec recupera a historia de Ellis Island e, sobre todo, o sentido do lugar e as pegadas de todos os que pasaron por Ellis Island. Imaxina Perec os dezaseis millóns de historias individuais de nenos, mulleres e homes, expulsados da súa terra pola fame, a miseria, a opresión política ou relixiosa. E sobre todo mergúllanos nos infindos mares da errancia, da dispersión, da diáspora, porque Ellis Island é o lugar da ausencia, o non-lugar, o exilio. E, aínda que hoxe é un monumento nacional, non pertence só a América. É propiedade de todos aqueles que a miseria ou a intolerancia expulsou ou segue expulsando aínda da terra na que naceron.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Guión cinematográfico, Lírica, Narrativa estranxeira traducida coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s