Máscaras identitarias

 A noite do moucho

Anxo A. Rei Ballesteros

Editorial Galaxia, Vigo, 115 páxinas

(LIBROS DE FONDO)

  Anxo Rei Ballesteros é un narrador do sistema literario galego ao que algún estudoso considera un autor maldito e solitario. Posuidor  dun persoalísimo discurso narrativo, a súa obra, nomeadamente as novelas Dos anxos e dos santos (1977) e Loaira (1992), foron catalogadas no seu momento como textos fundacionais e fundamentais na historia literaria galega. Pero o escritor nado en Boqueixón e cuxo pasamento tivo lugar no ano 2008, foi un narrador que sempre se facía agardar. Rei Ballesteros retornaba aos mundos da ficción  escrita case sempre por unha necesidade catárquica. A poder calar, confesaba el mesmo hai tres lustros, é ao que aspira o verdadeiro escritor. Esas arelas explican o carácter esporádico da súa narrativa. A noite do moucho, para alén doutras urxencias, é seguramente froito desa doenza interior que empurra ao escritor a lle dar saída á necesidade de crear.

A novela, que se empezou a xestar un ano antes da súa morte, sae á luz sen o definitivo proceso de corrección  e coma unha homenaxe ao autor. Pola historia que se descubre nas súas páxinas, pode ser cualificada como texto recuperador da memoria histórica. Un vello que se confunde co protagonista, cóntalles a uns rapaces a historia da que foi actor, durante  Guerra Civil, un anarquista galego que está a ser buscado polos fachas ( sic ) para matalo. Foxe cara o monte, pero está débil e séntese traizoado polo seu cuñado, o Moucho. Pídelle acollida a un amigo que o recibe cheo de medo. E alí, na súa casa, mentres lle entra o soño e se executa a perfidia, matina de xeito compulsivo nos cambios identitarios. A identidade numérica é unha tautoloxía, pero non así a identidade persoal e moito menos nos universos da ficción. Endalí a coherencia de todos eses trocos de personalidade que como carautas irreprimibles lle sobrevén ao protagonista e que lle fan pensar que a realidade sería o imposible. Ao final o inquérito identitario  acada unha cumprida resposta cando o vello narrador confesa os segredos da súa dobre face.

Anxo A. Rei Ballesteros

As pouco máis de cen páxinas nas que se relata esta experiencia vital, conforman unha novela completa e pechada tematicamente, pero inacabada desde o punto de vista formal. A historia e a súa correspondente trama narrativa están rematadas e pechadas, pero non así o texto e sobre todo os seus aspectos formais, que precisarían  dun labor de profundo esmerilado que o autor non tivo a oportunidade de acometer. Con todo, cómpre recoñecer que o galego que serve de vehículo a esta historia, contada de forma oral, é unha lingua vizosa. O narrador, en beneficio da oralidade, transgride á mantenta o galego culto e estándar, como fixo nas súas obras anteriores. Mais, aínda sen ese pulido que botamos en falta, Rei Ballesteros foi capaz de empurrar a linguaxe ata aqueles lindes nos que as creacións verbais  se converten en arte.

* Texto publicado o 17 dedecembro de 2009 no suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Libros de fondo coas etiquetas . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s