As “deshoras” de Xavier Lorenzo

Libro de deshoras

Xavier Lorenzo

Edicións Positivas, Santiago de Compostela 2011, 125 páxinas.

 

Este Libro de deshoras supón o retorno á area literaria dun narrador que, despois de ter brillado un día con luz propia -foi o gañador do Premio Blanco Amor do ano 1996 coa novela O paxaro que canta un nome-, desapareceu practicamente do nosa paisaxe literaria, excepción feita do libro de relatos  Animados na sombra (1999). Efémeras estrelas fugaces do mundo literario que se esvaecen de súpeto, seguramente polas poucas posibilidades para a publicación que ofrece o sistema editorial galego..

Porén, Xavier Lorenzo amósase neste Libro de deshoras como un narrador moi interesante, na miña estima por dous trazos que aleitan o seu labor: non rexeita as formas máis vangardistas e experimentais de narrar e os seus textos, aínda que de natureza miscelánea, encerran un indubidable espírito crítico, agochado quizais por veces, mais moi eficaz.

Se Deshoras, o último libro que Cortázar publicou en vida, ofrece un renovado abano completo do mundo cortaziano, en  o Libro de deshoras Xavier Lorenzo, movéndose quizais fóra das marxes canónicas do que convencionalmente se entende por relato, achéganos a unha estimulante forma de narrar, na que se reúnen textos entrelazados que poden ser relatos, ensaios, confesións, poemas, versos…sen que importe moito o que son. Non son relatos, como digo, no sentido convencional: historias que se van cargando de tensión e que estouran nun desenlace. Tampouco existe nos mesmos ese momento epifánico propio do esquema norteamericano do conto. Ás avesas, neste Libro de deshoras, erguido cunha estrutura complexa e modalizado por esa xa aludida fina ironía incrustada nas súas páxinas, a materia diexética é feble, aparece amosada en forma breve e por veces a xeito de microrrelatos e procura máis o afán investigador e o estímulo para que o lector se interrogue criticamente,  que un escaparate de tramas completas.

Textos pois que, malia a súa aparente anarquía e complexidade estrutural, encerran un misterio por desvelar. É pois tarefa do lector interpretar o aparello simbólico do que se serve o escritor para falarnos de acontecementos cotiás, da confusión entre o sal e o azucre, da inxenuidade dun pretendente comentada por varias mulleres, desa cegueira que, porén, permite ver, do móbil que a protagonista -unha “agonías”- bota a recargar na tixola de fritir cebolas…

Na miña particular lectura subliño o relato “Avelino”, sobre todo pola incursión que con el fai o autor na metaliteratura. Trátase dunha relectura de “Aveline” de J. Joyce e Xavier Lorenzo achégase ao tema da intertextualidade, ao fenómeno dos textos que se apoian noutros textos cuestionando onde remata a intertextualidade  e onde comeza o plaxio. Un texto ademais moi ilustrativo  -só lle falta citar a Raymond Carver e a Gordon Lish!-  sobre a mediación entre a creación e a edición. E a súa par, a serie  “Ximnasio”: cinco relatos para espertar no lector a necesaria ximnasia mental, sabendo que nunca acadará  esa cumprida meta final, como o corredor que camiña na fita de goma de carreiras, ocupando sempre o mesmo lugar no espazo, manifesta metáfora do noso tempo.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Relato breve coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s