Cronista e artesán na Costa da Morte*

Cita en Fisterra,

Luis Rei Núñez

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 207 páxinas

 

   Da escaseza de narrativa de viaxes pola Fisterra ou Costa da Morte (do Sol), como prefire nomeala Luís Rei Núñez, naceu o desafío reincidente deste viaxeiro, nativo destas xeografías, no que, a imitación doutros viaxeiros por terras alpuxarerreñas, empordanesas ou patagónicas, pretende repetir experiencias gozosamente epifánicas, segundo o consello de Bernardo Soares, o heterónimo de Pessoa: “Para viaxar basta existir”.

   En sete cumpridas xornadas de observacións, admiracións e denuncias, un narrador autodiexético  sae ao aire libre e mergúllanos a nós lectores nas rutas, camiños e corredoiras do “Condado do Solpor”. Luís Rei Núñez une a súa voz a esa tendencia cada vez máis frecuentada na literatura á que, no ronsel de Spires, podemos designar como narrativa á vez autorreferencial e narrativa-reportaxe. En efecto, Cita en Fisterra, sen ser propiamente unha novela, tampouco é unha guía de viaxes. É un texto narrativo misceláneo que comparte trazos das crónicas viaxeiras, vividas, experimentadas e por veces soñadas. Un espello con múltiples reflexos emocionais que lle abre as portas á literatura en estado híbrido nunha afouta mestura de xéneros.

Luis Rei Núñez

Un percorrido en sete xornadas pola xeografía sentimental da Costa da Morte desde a primeira parada en Muros ata a derradeira en Caión, abríndolle as portas á observación mais tamén á fantasía, amalgamando crónica viaxeira con historia, símbolo, fotografía, ficción e información. Diluíndo, xa que logo, lindes de xénero. O narrador asume dúas funcións nesta viaxe. Será cronista fiel ao que os camiños lle van entregando e artesán acollido ás trampas da ficción.

  No seu tránsito por “lugares e tribos” abrollan diante do lector non só as paisaxes de gozo e ledicia telúricos, senón tamén as denuncias contra as falcatruadas, contra o feísmo, contra as deleibas e estragos, tanto na escena urbana como rural. E así mesmo os esteos da memoria das nosas xentes en harmoniosa e gorentosa mestura con episodios ficcionados , retratos ou conversas con amigos ou personaxes admirados. O resultado é esta Cita en Fisterra, un libro, sen dúbida menor na bibliografía do escritor, pero exemplo paradigmático da narrativa autorreferencial e escrito cos fulgores dunha escrita moi plástica, que combina os frugais engados dunha prosa viaxeira amalgamada coa memoria literaria.

* Este texto foi publicado o día 12 de xaneiro de 2012, no suplemento Faro da Cultura, páxina VII do xornal Faro de Vigo.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Relato de viaxes coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s