Xesús, neto de Herodes

Protoevanxeo do neto de Herodes

Bernardino Graña

Edicións Xerais, Vigo, 300 páxinas

(LIBROS DE FONDO)

  

 A ficción galega débelle a Bernardino Graña, un dos poucos autores clásicos vivos das nosas letras, o vencello da nosa literatura con esa caste de narrativa, tan de moda nos últimos anos de tema bíblico, centrada sobre todo na vida de Cristo e alicerzada en fontes históricas e pseudohistóricas, en textos bíblicos canónicos ou apócrifos.

   Ao logo de vinte séculos tense presentado innumerables veces o problema histórico de Xesús. A vida de Cristo está recollida de maneira privilexiada nos evanxeos. Porén, podemos preguntarnos se somos capaces de chegar ao Xesús da historia a través da presentación de fe que nos ofrecen os evanxeos. Non poucos críticos consideran que a través dos mesmos achegámonos autenticamente á figura de Cristo. Outros, como tal sería o caso dun investigador de tanto prestixio como Bultmann, pensan que existe un veo opaco entre a comunidade cristiá primitiva e o mesmo Xesús de Galilea. Hoxe sabemos que os evanxeos constitúen en si mesmos un xénero literario; xa que logo, os feitos están intrinsecamente ligados a súa interpretación: son opúsculos catequísticos que refiren unha historia e unha intención biográfica, mais non lle podemos esixir os trazos dos libros modernos de historia. A crítica moderna pode aplicar os seus principios aos autores destes escritos, tanto aos evanxeos canónicos coma aos apócrifos e sorprendelos nunha flagrante transformación doutrinal dos feitos: exaxerándoos ou presentándoos dunha forma marabillosa co obxectivo de gañar máis adeptos para a relixión que ensinan.

 Resulta, pois, lexítimo aplicarlle esta interpretación ao embarazo “milagroso” da “virxe” María e ao nacemento de Xesús. A presentación do feito doutrinal, sobre todo desde os postulados da crítica moderna, parécese moito máis a unha pintura que a unha fotografía, a unha lembranza máis que a unha reportaxe, a parábola máis que a alegoría. É xustamente o que fai Bernardino Graña na súa primeira novela, Protoevanxeo do neto de Herodes  verbo do nacemento e dos primeiros anos da vida de Cristo. En efecto, Bernardino Graña narra o evanxeo da infancia de Xesús realizando unha reiterpretación central da Biblia, a partir sobre todo dos evanxeos apócrifos, para situar dun xeito crible e, dentro do que cabe ata normal, a figura de Cristo. Na novela, e a través dos personaxes centrais de María e Xosé, que é por certo o que máis fala e na novela, e presentado coma un personaxe que pouco ten que ver co que se coñece, nárranse os acontecementos que van desde o nacemento de Xesús ata que este cumpre os doce anos. O relato amósanos a María como unha rapariga interna do Templo, descendente da liñaxe de David. Os Sumos Sacerdotes botan man dela para casala en secreto con Antíprato, fillo de Herodes, pero que milita no nacionalismo xudeu. Convéncena, así mesmo de que o que leva no ventre, é semente divina e de que, con Antíprato ou sen el, será nai dun príncipe prohibido. Afastada de Antíprato, María fica aparentemente como viúva e cásana co parente máis próximo dispoñible: Xosé, pai doutros fillos e que o relato nos presenta coma un fanático esenio e carpinteiro de sona. Xesús, pois, sería fillo de Antíprato e, en consecuencia, neto de Herodes. Un Xesús nacionalista por herdanza e por educación, o liberador agardado para poñer fin á helenización que impoñen os invasores romanos e cuca concepción e nacemento é disfrazada pola imaxinación de B. Graña ou dos mesmos evanxeos no medio dunha milagreira caterva de anxos.

Bernardino Graña

Máis arriba amentamos a coherencia da interpretación que  fai Bernardino Graña que encaixa cos postulados da crítica histórica moderna. Volvemos agora sobre o mesmo tema, pero desde a perspectiva da verosimilitude, de que a súa peza é una novela, obra dun creador ficcional. Un fascinador, xa que logo, que se serve de personaxes reais e de acontecementos historicamente verificables. Insire pois o escritor ficción na realidade e esa é a súa obriga como novelista. E a ficción, como marcador semántico, contamina todo canto toca, no senso de que o converte en ficción. Por máis que Bernardino Graña reivindique que a súa novela está moito máis documentada que a de parecida temática de Saramago e de que todo na mesma este xustificado e mesmo baseada desde o comezo  en textos bíblicos, o imperio da ficción é inexorable tal como escribe  Álvaro Pombo: “tan pronto como se ficcionaliza un contexto histórico determinado, todo el por enteiro fica sometido ás leis da ficción”. Mentres a ficción non se mesture con ningún elemento de positividade, como tal os feitos históricos, a relación entre a realidade e o texto narrativo resólvese mediante o concepto de mímese: ficción e realidade reflíctense mutuamente nas novelas de pura ficción. Mais ao introducir a historia, a ficción trastorna todo o que toca, no sentido de que o converte en ficción. Así pois, non é Protoevanxeo do neto de Herodes un libro de historia, unha novela histórica. Non existen coma tal se falamos con propiedade. É pola contra unha atrevida fabulación, presentada con léxico exquisito e selecto e unha auténtica sintaxe galega.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s