“Contos de Nadal”, un agasallo natalicio

Contos de Nadal

Manuel Rivas

Ilustracións de Miguelanxo Prado

Xerais, Vigo 2003, 120 páxinas.

( LIBROS DE FONDO)

 

Pasaron os anos, pero non a calidade deste libro de contos de tema natalicio, actualizados recentemente polo seu autor, Manuel Rivas na antoloxía da súa narrativa breve, O máis estraño, editada recentemente por Xerais. Daquela, que Contos de Nadal segue a ser un bo agasallo de Nadal para aqueles que gorenten das boas lecturas.

Sería pouco menos que inimaxinable que a literatura desperdiciase o tema natalicio para fornecer de historias os mananciais dos creadores. O Nadal, tan útil para satisfacer a necesidade que, como diría Cunqueiro, temos os humanos de beber soños, nutre pois desde sempre as nosas fantasías. E moitas delas acharon ao longo da historia verdadeiras concrecións estéticas ou ficaron na tradición oral.

Nas súas orixes atopamos motivacións distintas: desde a simple escusa de utilizar unha data ateigada de simbolismo para vender mellor determinados produtos, ata o limpo e razoable desexo de encher de colorido e fantasía unha época do ano tan especial para cativos e adultos. É  asemade moi ampla a relación de escritores que se achegaron á literatura natalicia, e case que sempre con grande éxito. Escritores clásicos como os irmáns Grimn, Hans Ch. Andersen, Dickens, E. T. A. Hoffmann, Oscar Wilde, Becquer, Pérez Galdós, Emilia Pardo Bazán, ou narradores máis recentes como Truman Capote, Ágata Christie  ou Tolkien fixeron salientables incursións nesta sorte de subxénero de narrativa de Nadal. O sistema literario galego tampouco é alleo ao fenómeno. Como mostra, lembro dúas obras clásicas. En 1927 Armando Cotarelo Valledor daba luz a Contos de Nadal colleitos polo pobo, e en 1956 Otero Pedrayo, como tributo “á ilusión da experiencia”, escribía os relatos que serían publicados postumamente co título Contos de Santos e Nadal.

En xeral os protagonistas da literatura de Nadal axústanse aos estereotipos e amósansenos como nenos pobres, avós entrañables, animais fieis, espíritos malignos. Abrolla así mesmo unha morea de seres especiais, alicerzados no folclore e na tradición, Xa que logo, se algún mérito literario ten a publicación de Xerais, Contos de Nadal, é precisamente o de se afastar dos tópicos e das contornas fantásticas e marabillosas da literatura de tema natalicio, e agasallarnos con oito historias profundas e atractivas, e ao mesmo tempo cotiás. Historias que teñen en común o feito de aconteceren nos días de Nadal. O tirón de Manuel Rivas e de Miguelanxo Prado, fai deste libro un produto destinado a colleitar excelentes resultados, xa que é un pracenteiro agasallo nestas datas de Nadal.

Manuel Rivas traduce neste volume o seu particular tipo de literatura,  a súa narrativa de sempre, logo de aquel innovador experimentalismo que foi A man dos paíños. Na liña pois doutras colectáneas de relatos como os de As chamadas perdidas ou Ela, maldita alma, o autor prosegue no suco da ficción realista, da literatura amable, sen chegar nunca a caer no sentimentalismo. A temática de Nadal é, sen dúbida, un obxectivo apetecible para a estampa sentimental. Mais Manuel Rivas, malia escribir coa tinta das emocións -“unidades de emocións” é cualificativo destes contos-, elude sentimentalismos exquisitos e introdúcenos na esencia do Nadal a través de oito historias cotiás. O autor non dispara coas súas prosas directamente ao corazón, malia que a meirande parte das mesmas agachan tras a súa face, doses variadas de épica e tamén de traxedia que nos chega da man ou dos pés dos seres humildes, convertidos en pequenos heroes da empresa do vivir cotián.

Manuel Rivas

Abre o libro o relato “O namorado de María”, un conto que se axusta no seu desenvolvemento á sentenza do rei Baltasar: “O amor que o move todo, o sol e as estrelas”. Esa mesma paixón amorosa converte o xefe dos maquis nun dócil rei mago. Péchao “A chegada de Ingrid”, un relato que nos permite recuperar a experiencia emigratoria en Alemaña de Manolo e Ramón, un enxebre Dúo Dinámico, e o regreso dun deles no Nadal, traendo na maleta a Ingrid, unha fermosa boneca que fala palabras de amor e de sentimentos. Entremedias, unha versión do afundimento en Noiteboa do “Begonia”, o mellor barco do Gran Sol, por un maldito golpe de mar; a fermosa rememoración da vaca Madona, do seu primeiro parto un día de Noiteboa, nos ollos dunha rapaza que ve de cor cálida e de verde esmeralda o leite da vaca defunta porque, aínda que morta, segue dando leite para que a cría mame  a derradeira herba que pacera a nai. Ou o estremecemento que experimentamos ao ver reflectidos nas páxinas de “O amor das sombras” os andares dun vello solitario con can na busca da namorada das súas lembranzas. O mesmo que arreguizante carreira do mozo con síndrome de Down que, no partido de Reis, xoga de titular e mete o gol do empate, conseguindo a epopea de pasar a raia.

Literatura seguramente con minúsculas dentro da obra do autor, mais transitada polo abalo das emocións e pola maxia da memoria que nos chega nesa lingua sinxela e á vez ateigada de forza poética que tan ben sabe empregar M. Rivas. A recreación visual deses oito relatos que realiza Miguelanxo Prado e as características dunha edición singular (grande formato e encadernación acartonada) fan deste volume, quizais non un marabilloso produto literario, mais si unha verdadeira alfaia bibliográfica.

 

 

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Libros de fondo, Narrativa galega, Relato breve coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

One Response to “Contos de Nadal”, un agasallo natalicio

  1. Pingback: “Contos de Nadal”, un agasallo natalicio | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s