“Microbios e outros paquidermos”, as minificcións de Fernando Díaz-Castroverde

Microbios e outros paquidermos

Ferando Díaz-Castroverde

Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 128 páxinas.

  

Un conto, escribía Andrés Neuman, xógase a vida nas primeiras liñas. Na derradeira ten a posibilidade de resucitar. Os lindes do microrrelato son moito máis apertados e estreitos, porque con frecuencia a primeira liña é tamén a última. Nunha sinxela chiscadela, nunha rápida ollada é necesario apreixar toda unha historia. O microrrelato, xa que logo, alicérzase no temperado comedimento da súa formulación verbal e na absoluta excepcionalidade. Escribir o mínimo, constrinxindo a linguaxe. E facelo ademais con esa precisión e con esa intensidade de tal xeito que na mente do lector a súa denotación sexa asemade ampla, rica e profunda.

Microrrelatos, contos breves, microcontos, hiperbreve, minirrelatos, narrativa ultracorta…Non importan os nomes, senón o reto, a afouteza da aposta daqueles escritores e escritoras que se atreven con esta quintaesencia da literatura, que non é un fenómeno novo, pero si arduo e demanda narradores con riles ben podentes. Condensar estruturas narrativas completas en moi poucas palabras. Hoxe quizais xa é un xénero independente, cuxos reis, os grandes das pequenas ficcións, están en Latinoamérica: Borges, Bioy Casares, Cortázar, Augusto Monterroso.

A literatura galega nunca se prodigou en exceso neste xénero ou subxénero, aínda que contamos con algún exemplo paradigmático como Cousas de Castelao. Os máis dun cento de relatos-lóstregos deste libro de Fernando Díaz-Castroverde, que vén de editar Galaxia, constitúen un caso ben illado na narrativa galega contemporánea. Os seus microrrelatos cadran en liñas xerais cas definicións que se teñen dado: “Un texto que conteña algún elemento narrativo e non máis vinte e cinco liñas” (Ana María Shua).

Ferando Díaz-Castroverde

Fernando Díaz-Castroverde supera a proba do algodón nun libro que non é monotemático. Todo o que pode ser pensado ou imaxinado forma parte das pequenas diexeses ás que lles dá alento nas súas páxinas.. Serán os animais, a microeconomía, o derrubado muro de Berlín, a camuflaxe dos comandos de elite, os individuos-vaca repugnantes, a xeira dos faquires, as rutinas dos veciños, as deslocalizacións, a coleccionadora de selos, o enterrador exercendo o seu oficio, os Starsky e Hutch en Laracha, os libros de poesía, a soidade no museo da escultura da muller grávida, o traballo dos espías, os lectores impacientes -e implícitos- que demandan os seus lectores… Todo lle serve a Ferando Díaz-Castroverde para tirar unha historia e facer dela unha acrobacia, unha viravolta, escritas con persoalísimo acento, destilando brevidade, concisión, enxeño, en perfecta aliaxe coa ironía.

Ao rematar a lectura desta restra de microrrelatos, ao lector quédalle na boca o mesmo sabor acedo que empapou a súa escritura, porque da pluma de Fernando Díaz-Castroverde saen cachoadas de ironía, de humor negro,  a burla íntima, pequenas historias en cuxo centro de gravidade asenta o cinismo  a súa presenza.

De por parte, a narrativa breve de Díaz-Castroverde desenvolve en boa medida a teoría da alusións (“to write on the principle of the iceberg”, E. Hemingway). Escritura alusiva, insinuante, que afecta o nivel simbólico mergullado debaixo da linguaxe, como o iceberg situado so a auga. Xa que logo, correspóndelle ao lector activo e a súa imaxinación a tarefa de mergullarse para descubrir a epifanía dos dous terzos restantes.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Relato breve coas etiquetas , . Ligazón permanente.

One Response to “Microbios e outros paquidermos”, as minificcións de Fernando Díaz-Castroverde

  1. Pingback: sobre a narrativa hiperbreve, microbios e outros paquidermos | ferradura en tránsito

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s