Fermoso agasallo de Nadal

Trece Noites, trece Lúas

Libro das marabillas do Nadal

Antonio Reigosa

Ilustradora: Noemí López

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 156 páxinas.

 

A literatura de tema natalicio ten múltiples orixes e motivacións. Desde o simple pretexto de empregar estas datas, ateigadas de simbolismo, para vender máis e mellor determinados produtos, ata o irrefreable desexo de ateigar  de imaxinación e colorido  unha época senlleira do ano, tanto para os cativos como para os adultos. En Galicia, igual que noutras partes do mundo, existe unha tradición  oral de noso relacionada co Nadal. Un tempo propicio para os contos, romances, panxoliñas e cantos de reis que están hoxe en día para alén das crenzas relixiosas e forman parte da nosa tradición cultural. E a literatura, que todo o aproveita, nunca desperdiciou o tema natalicio para fornecer de historias os seus mananciais creativos. O Nadal, tan útil para satisfacer esa necesidade  que temos os humanos de beber soños, como diría Cunqueiro, fornécenos pois desde sempre de fantasías. É ampla a relación de escritores que se achegaron á literatura natalicia, e case que sempre con grande éxito. Escritores  galegos clásicos e outros máis recentes, fixeron incursións moi salientables nesta sorte de subxénero: a narrativa do Nadal. Lembro como mostra dúas obras clásicas e outra moi recente que, sen dúbida, pasará a ocupar pronto esa categoría: Contos de Nadal, colleitos de  pobo de Armando Cotarelo Valledor (1927), aquel necesario tributo “á ilusión da experiencia” que son os Contos de Santos e Nadal que Otero Pedrayo escribiu en 1956. E a colectánea de Manuel Rivas, Contos de Nadal (2003).

Mais existe outra narrativa non ficcional sobre os temas natalicios e unha mostra requintada é a moi recente achega deste libro que “erguen” entre Antonio Reigosa que leva o leme do texto, e Noemí López que, case que sempre a dobre páxina, enche o libro da cor e da fantasía de gozosas ilustracións. Edicións Xerais fai o resto cunha desas espléndidas edicións en gran formato ás que nos ten tan acostumados que case nos semellan algo normal e necesario.

Antonio Reigosa

O texto de Antonio Reigosa, ese experto en etnografía e literatura oral, o especialista  na localización de seres máxicos aos que sabe espreitar e que ten visado para circular libremente polas súas fantásticas Nacións, ilústranos de forma asemade divulgativa e precisa, sobre o que a curiosidade humana ou a fame de saber pode devecer coñecer sobre este tempo mítico, esa “hora vintecinco” que dicía Cunqueiro, composta por  trece días e trece noites. O subtítulo da obra (Libro das marabillas do Nadal. Mitos, ritos, lendas e tradicións do Nadal en Galicia e no mundo arredor) informa cumpridamente e de xeito enciclopédico verbo de todo o que acontece, implica e significa este tempo que vai desde o 25 de decembro ata o 6 de xaneiro. E faino sen esquecer as orixes e antecedentes históricos do Nadal cristián, a tradición de Noiteboa, o Día de Nadal, Noitevella, Aninovo, os Reis Magos, con capítulos sobre as tradicións  das felicitacións e agasallos, cantos, xogos e representacións do Nadal.

Non falta no discurso narrativo de Antonio Reigosa unha necesaria incursión, por vir de quen vén, no eido dos seres míticos  ou naqueloutros recibidos de fóra como froito da globalizacións consumista. Así  O Apalpador, O Pandigueiro, San Fiz, San Nicolao e Santa Claus…transitan enchidos de  maxia polas páxinas deste fermoso libro, unha gorentosa alfaia da escrita e da edicións, axeitado e útil obxecto para cativos e adultos neste tempo de intercambio de agasallos.

 

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Esta entrada foi publicada en Narrativa Non Ficción. Ligazón permanente.

2 Responses to Fermoso agasallo de Nadal

  1. Pingback: «Trece noites, trece lúas», de Antonio Reigosa: fermoso agasallo de Nadal. Crítica de Francisco Martínez Bouzas | Xerais

  2. Pingback: Fermoso agasallo de Nadal (Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal) « Caderno de campo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s