A febre do volframio

Febre

Héctor Carré

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 283 páxinas.

 

Xa hai ben de anos que o escritor catalán Joles Sennell escribía que a literatura infantil e xuvenil é a que tamén poden ler os nenos e as nenas. Esta peza narrativa de Héctor Carré, gañadora da 5ª edición do Premio Fundación Novacaixagalicia-Claudio San Martín de Literatura Xuvenil 2011, así o pon de manifesto. En efecto, Febre é unha fermosa e moi ben enfiada proposta ficcional que tira con forza da atención lectora, sobre todo unha vez lidas as primeiras páxinas. Un libro que lemos con pracer os adultos pero que é asemade moi recomendable para o público xuvenil ao que, en principio, vai dirixido. Aconsellable, sobre todo, porque foxe da “xuvenilización” da literatura xuvenil, ese hábito / vicio que acostuma a facer naufragar a tantos subprodutos do xénero, que semellan escritos para adolescentes apalermados ou papaleisóns. Non é este nin un libro light nin unha peza narrativa na que escintilen os valores de sempre, os topoi do consenso social e comunal; con mínimos parámetros de didactismo e ningún moralismo, eludindo os tópicos deste tipo de literatura e sen esconder a realidade.

Concordo con certa crítica que define este libro como “pedagoxica e politicamente incorrecto”, porque non agacha o sexo, a prostitución, o acoso sexual, o estigma da homosexualidade naqueles primeiros tempos da nosa posguerra; nin tampouco aquel mundo do diñeiro fácil, do señorío do volframio, dos turbios negocios caciquís, da pleitesía aos capitostes, da fachendosa e arbitraria violencia da garda civil. Xa que logo, na miña estima, un libro sabiamente ilustrativo para eses adolescentes aos que a literatura, suponse, debe abrirlles as fiestras da realidade e fomentar o espírito crítico.

A novela de Héctor Carré mergúllanos na vila de Noia e na súa bisbarra nos tempos da febre do volframio, un mundo alterado polo frenesí  do diñeiro fácil, do imperio do mineral co que a ditadura franquista negociaba con nazismo alemán. Un mundo esteado na inxustiza e na corrupción; unha sociedade esmirrada e carente de perspectivas  para alguén como a protagonista da novela -unha moza de dezasete anos-  obsesionada pola teima da independencia e da autonomía persoal da muller, que pretende ser un ser humano libre nun ambiente infernal que rematará por apoderarse dela como unha enfermidade.

Héctor Carré

O autor soubo dotarse dunha boa historia e cóntaa claro, seguido e ben, seguindo ao pé da letra o consello cunqueirán , con técnicas que aproximan este relato ao mundo do cine e con ingredientes de novela negra. Non son obstáculos nin barreiras para a lectura eses acenos que aproximan o texto á metanarrativa, xa que esta historia da febre do volframio é unha sorte de novela dentro da novela que un avó lle conta a súa neta.

Mais, como digo, o gran valor de Febre, ademais de ser posuidora a novela dunha historia atraente, con suficiente grao de aventura e ben ganduxada, consiste no feito de non agachar a realidade do que era a sociedade galega dos primeiros anos corenta en certas bisbarras galegas, fondamente sacudidas pola febre do volframio, nin os ambientes turbios, semellantes aos do Oeste americano cando a febre do ouro. Todo iso, mesmo o sexo que ve  a protagonista e que aparece en toda a novela, un sexo depravado polas relacións de poder e de diñeiro, tamén forma parte dunha memoria histórica que Héctor Carré soubo recuperar e reconstruír con grande acuidade.
Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

5 Responses to A febre do volframio

  1. Pingback: Unha novela atraente en torno á febre do volframio. Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Febre», de Héctor Carré | Xerais

  2. UYYYYYYYYYYYY he leido y he comprendido casi todo. Se parece bastante al portugues aunque diria que el gallego me es mas familiar.. Gracias

  3. BLIX di:

    Co meu recoñecemento polo teu traballo, coméntoche que puxen unha ligazón a esta recensión e á de EXOGAMIA no meu empeño persoal de modesta caixa de resonancia da nosa lix.
    Parabéns polo teu traballo!
    saúdos
    manuel figueiras

  4. Pingback: A vida de Cristo por Bernardino Graña. Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Protoevanxeo do neto de Herodes» | Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s