Vinte anos de crítica literaria

 Criticalia

Armando Requeixo

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 2011, 273 páxinas.

 

Que Armando Requeixo é un dos comentaristas, analistas ou críticos literarios máis produtivos das últimas dúas décadas dentro do noso sistema literario, non é algo opinable. A escolma de recensións críticas recollidas neste volume máis o apéndice de vinte e seis páxinas no que figura una relación  de todos os traballos de crítica literaria non reproducidos así o evidencian. Os centos e centos de comentarios e recensións publicadas desde a metade do ano 1991 en xornais e revistas son un feito do que este volume da cumprida proba. Que Armando Requeixo é ademais un dos lectores máis conspicuos, sagaces e mesmamente críticos do libro galego é algo no que acreditan moitos lectores, escritores e tamén moitos compañeiros da súa profesión /afección. A súa preparación académica, a súa sagacidade e acuidade para peneirar o gran da palla e distinguir aqueles produtos literarios valiosos daqueloutros que son arremedos de literatura ou sinxelamente publicacións accesorias e prescindibles, é unha evidencia que este libro confirma e unha certeza de quen isto escribe polo coñecemento directo ao termos coincidido Armando e mais eu nos xurados de non poucos premios literarios.

Criticalia reproduce, como dixen, unha mínima antoloxía de recensións críticas que Armando Requeixo publicou en xornais e revistas galegas nos últimos vinte anos. Son dous cento e medio de críticas, aproximadamente un terzo das que o crítico deixou escritas nestas dúas décadas. A narrativa e a poesía de xeito privilexiado, mais sen excluír o teatro e o ensaio galego, teñen nestas páxinas non só un espello /fiestra que no seu día lle deu visibilidade, senón tamén un acaído instrumento valorativo de virtudes e carencias.

O autor soubo fuxir da tentación de reescribir a eito os textos publicados no seu día, de forma que resultasen do agrado do pai deses comentarios que os le desde o presente. Ás avesas, o que Armando Requeixo publica agora neste volume é a fiel reprodución daquelas críticas, aínda que corrixidos os erros de impresión e actualizadas consonte á normativa actualmente vixente. Integran o libro ademais das críticas de novidades, recensións de “libros de fondo”, que nalgúns casos foron editados con anterioridade ao ano 1991.

Todos estes textos radiografan de forma nidia e precisa o canon particular de autor nestes vinte anos e dignifican o labor dos críticos literarios, eses que “curran” o libro cada semana, véndose obrigados moitas veces  a acoutar o seus comentario en microcomentarios de non máis de cen palabras, axustándose ás esixencias  dos diferentes medios. Colaboradores optimistas e moitas veces desinteresados, procurando sobrevivir nun clima de insubstancial banalidade para dar a coñecer o libro galego.

Armando Requeixo

O nivel dos textos deste volume de Armando Requeixo pon de manifesto que o nivel da crítica literaria galega, publicada en xornais e revistas, é aceptable e non desmerece do que se publica noutras xeografías. Non ten nin pode ter a profundidade ou, mellor dito, a ampliación detallista do artigos das revistas académicas -eses aos que algúns consideran a verdadeira crítica, aínda que tampouco aquí é ouro todo o que reloce-, mais si o suficiente grao de habelencia para ilustrar o lector nunha poucas liñas verbo das bondades e carencias do produto literario, cultivando ademais un sentido apreciativo á vez libre, profundo e penetrante. As recensións críticas de Armando Requeixo son modélicas neste aspecto eludindo ao mesmo tempo tanto a gabanza inxustificada como a fobia maniquea compulsiva, froito de xenreiras  persoais, da tentación do ninguneo ou de elementais lecturas superficiais.

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Ensaio coas etiquetas , . Ligazón permanente.

1 Response to Vinte anos de crítica literaria

  1. Pingback: Criticalia: o libro | Criticalia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s