O “mongo” de Gallinas*

El negrero

Lino Novás Calvo

Tusquets Editores, Colección Fábula, Barcelona, 2011, 296 páxinas.

 

Lino Novás Calvo (As Grañas do Sor, 1905) non é un autor do sistema literario galego, pero si un escritor nacido en Galicia cuxa obra cómpre rescatar porque ten que ver cunha das aventuras máis desprezables e arrepiantes realizadas polo home (a trata de escravos), no século XIX. Mais como o racismo segue a ser protagonista nos nosos días de feitos infames, a voz de Lino Novás non perdeu actualidade. Lino Novás emigrou a Cuba con sete anos, traballando nos oficios máis peregrinos. Viaxou a Nova York onde acadou o dominio doutro idioma que lle permitiu traducir a Hemingway e a Faulkner entre outros. Como xornalista recalou en Madrid e en 1933 publica El negrero. Vida novelada de Pedro Blanco Fernández de Trava. É a súa única novela recuperada por Tusquets e reeditada arestora na colección Fábula.

Lino Novás Calvo

El negrero é unha novela de“extraordinarias aventuras verídicas” vividas case que todas no mar e nas costas africanas, principalmente en Serra Leona e en Gallinas. O seu heroe é Pedro Blanco e a novela recrea a historia da piratería a partir do contrabando de escravos negros e das complexas relacións establecidas entre mariñeiros, xefes tribais, autoridades coloniais e facendados americanos. Despois de fuxir da súa Málaga natal por mor dun incesto cometido cunha irmá e curtirse  nos mares de Terranova, Pedro Blanco enrólase en barcos negreiros. Pero arela máis e nas costas africanas crea a súa propia factoría na que gañou incontables riquezas entre salvaxes guerras tribais, asasinatos, maxias e  abxectos actos de crueldade. O protagonista é un branco que ten a alma negra, tinguida polo oficio de negreiro. Endalí que a novela sexa un cruel libro de aventuras que ten no mar o seu espazo privilexiado. Pedro Blanco, o “mongo” de Gallinas é un ser atroz, digno de figurar con outros negreiros nesa historia universal da infamia, cuxo primeiro capítulo escribiu Borges. Os asasinatos, roubos, abordaxes, violacións, episodios de arrepiante verismo como botar ao mar cargamentos humanos para fuxir da persecución da xustiza, logran indignar o lector, reivindicando así a rebeldía dos oprimidos, o negro que estoura por medio da fuga ou da vinganza.

Lino Novás penetra na corrente negrista do indixenismo iberoamericano a través dunha grande intuición e dunha incrible capacidade de síntese da documentación sobre o tráfico de escravos, fundindo moitos datos bibliográficos cos fíos e a maxia da ficción. A súa prosa, de aparencia torpe, ansiosa, de frases cortadas e pouca descrición, móvese en breves ondulacións adornada de retratos corporais da raza negra, nomeadamente das mulleres de pel escura que aparecen na novela en recargados  haréns  e na súa relucente nudez do cor da selva.

* Texto publicado no xornal El Correo Gallego o día 26 de novembro de 2011. Para ver o orixinal, pinchar aquí.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa en español coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s