Na cerna da aventura*

Extramunde

Xavier Queipo

Edicións Xearis, Vigo, 2011, 374 páxinas

 

Esta singradura equinoccial dun barco de tolos coa que Xavier Queipo acadou o Premio Xerais de Novela é un perfecto mostrario desa forma novelesca que Bakhtin denominou “novela  de aventuras e proba”, que transcorre na primeira parte na Mariña galega e nas outras tres nos mares oceánicos e nas selvas de Borneo. A novela, enfatiza a viaxe, o misterio e o risco; e a proba é a superación dese esquema saída – viaxe – retorno, aínda que en Extramunde o lector chegará ás últimas páxinas na procura do destino dos heroes -nesta achega non hai un protagonista individual claro- e decatarase de que non hai retorno.

Extramunde é á vez un tremebundo retrato da sociedade galega do século XVI, absolutamente irracional, que cre nas lendas e dicires populares e no que lle contan os seus abades que teñen bula para queimar as mulleres por bruxería ou posesión diabólica e enviar os homes ao barco que, por orde de El-rei, os terá de levar ás Indias para que os devore o mato ou sexan comidos por animalias ou indios caníbales. Así viaxarán, nun periplo por dous océanos un cargamento  de aloulados, ata que o último protagonista terá que sobrevivir nunha selva do afastado Borneo. O autor artella a súa historia en catro partes diferenciadas e con desemellantes doses de interese: convincentes e ateigadas de empuxe e alento a primeira e a última, reiterativas, tediosas e sobradas  de coñecementos mariños as outras dúas, nas que se narra a errática navegación polos mares oecéanicos.

Xavier Queipo

No libro predomina a retórica do acto: os diálogos perden importancia fronte aos feitos e  acción impera sobre a reflexión. Con todo, podemos ler este libro en clave alegórica. A viaxe non é unha iniciación senón a metáfora da procura da liberdade e do dereito á diferenza contra o poder despótico do Santo Oficio. O autor mergúllanos, en efecto, nos meandros máis sombrizos da historia española e tamén da galega: o poder omnímodo da Igrexa nos tempos escuros e estarrecedores da Inquisición e na aventura / desventura desa navegación errática na busca da autonomía do eu e de mundos afastados. E como mandan os canons da novelade aventuras, o comportamento dos heroes é lineal e chéganos referido por un narrador heterodiéxetico,obxectivo  e distante, posuidor dunha linguaxe vizosa, ateigada de forza descritiva que poboa o relato con personaxes perfectamente modelados. Xa que logo, e malia as eivas amentadas, unha convincente novela que non insire na cerna da aventura

* Este texto foi publicado o día 24 de novembro no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s