Identidades contra a desmemoria *

Poñente

Pere Tobaruela

Tradución de Ana Boullón

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 207 páxinas

 

Poñente é unha novela sobre identidades, pero tamén contra a desmemoria. Queirámolo ou non,  a presenza  dos empresarios cataláns que desde finais do século XVIII ata ben entrado o XIX se estableceron no litoral galego, fixeron suculentos negocios, pero tamén  perfeccionaron os métodos da salga, forma parte da nosa memoria histórica. A narrativa galega ten practicamente esquecido este tema, aínda que o apelido Massiá, fundador dunha conserveira, é un dos personaxes dunha peza narrativa publicada nos últimos anos. Mais arestora, Pere Tobaruela, un escritor bilingüe catalán-galego, agasállanos cunha novela que abre a fiestra desas relacións entre Galicia e Cataluña e asemade afonda no motivo da identidade tanto individual como colectiva.

Pere Tobaruela

A novela amalgama dous fíos narrativos e discorre por dúas canles que se retroalimentan mutuamente. Por unha banda, a relación sentimental e sexual de Carme e Sarela e o interese da primeira en reconstruír  a historia dos “fomentadores cataláns”, nomeadamente a da saga dos Sadurní, que se asentaron na primeira metade do século XIX na Pobra do Caramiñal. Por outra, esa mesma historia contada por un narrador heterodiexético que nos retrotrae precisamente a ese tempo, a ese espazo e a esa historia, inseríndose no interior do primeiro relato. Nese primeiro plano, que se desenvolve no presente, unha voz homodiexética achéganos o seu propio conflito, a posta en cuestión  da súa identidade sentimental e sexual, que o coñecemento dunha moza galega fai estourar, á vez que entre as dúas esculcan e intentan reconstruír a historia deses industriais cataláns que asentaron as súas industrias da salga na nosa beiramar.

O autor sutura con oficio estes dous fíos narrativos ofrecéndonos unha lectura no só amena, senón tamén ricaz, gratificante e afouta desde o punto de vista formal. Abondan as pausas descritivas  con memorables retallos sobre as actividades dos cataláns, o seu estilo de vida e a súa integración en Galicia. Un xogo te tempos con frecuentes analépses e prolépses rompe a linealidade do texto, mais sen empecer a lectura. A novela está verquida ao galego por Ana Boullón, mais non se sabe desde que idioma. O paratexto pasou por alto ese dato nos créditos do libro. Descoñezo, xa que logo, se a súa é unha tradución creativa como quere Pere Tobaruela. Na miña estima o seu é un galego claro, diáfano, con emprego abondoso da fraseoloxía de noso.Verbo das virtudes e posibles eivas que conteña a tradución no terreo especificamente lingüístico, remito a outras voces máis autorizadas ca miña.

* Este texto, correxido algún erro de imprenta, foi publicado no Suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo o día 17 de novembro de 2011.

 

 

 

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s