A axenda de Neira Vilas

Penúltimo dietario

Xosé Neira Vilas

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 309 páxinas.

 

A crítica literaria recoñece que a chamada “literatura do eu” forma unha parte imprescindible do presente e do futuro da literatura. Mais eu refírome a un instrumento literario que non é autobiografía nin diario nin memorias en sentido rigoroso. É, porén, todo iso, é narrativa autorreferencial que pode ramificarse en distintas modalidades: narrativa ficcional, á que Vila-Matas cualifica como “autobiografía baixo sospeita”, ou diarios onde se traducen vivencias como no seu día xa apuntara Marcel Proust, un dos creadores da “literatura do eu”.

Edicións Xerais vén de editar o segundo libro de Memorias de Neira Vilas, Penúltimo dietario. Ollando o se título, este lector cavilou que no seu interior atoparía quizais un exercicio solipsista, ou neste caso a dúo ou en parella con Anisia Miranda, de experiencias novidosas ou do común de cada día, mediante actos de individualización da lingua como experiencia formal. Mais Neira Vilas, un clásico de literatura contemporánea de noso, autor dunha inxente obra literaria, lévanos por outros camiños: un libro no que anota e comenta, non gastos e ingresos, senón os sucesos e actividades diarias. Dá conta en efecto das actividades e encontros que el e Anisia tiveron desde xaneiro de 1993 ata o 22 de outubro de 2009, data do falecemento de Anisia.

Xustifica o autor  a publicación deste dietario porque a manchea de actividades culturais de natureza moi variada ás que atenderon desde a chegada definitiva a Galicia no ano 1992, é unha forma de amor a súa terra. Percorréndoa cos pés, ese ir e vir, permitiulles coñecer o corpo físico de Galicia, a idiosincrasia  das nosas xentes, o noso xeito de ser. Unha memoria, pois, dos últimos dezasete anos. Un propósito certamente meritorio e gabable, mais, aberto o libro, encóntrome con outra cousa, agás en raras ocasións: unha transcrición case que literal da axenda de Neira Vilas e Anisia Miranda. A meirande parte das anotacións deste dietario son prescindibles. Nada lle van engadir a esa historia social da nosa literatura esa relación de encontros, visitas a colexios e institutos, viaxes, agasallos… E moi pouco á biografía completa, e non só divulgativa, de Neira Vilas que está por escribir. Pregunto, como tal,  a quén lle interesa, como non sexa á mestra Sabela Díaz,  a anotación que enceta o libro: “2 de xaneiro ( 1993): Encontro con nenos e nenas da escola unitaria de Pantín (Ferrolterra) e coa mestra Sabela Díaz. Entrégannos exemplares da revista escolar Percebeiros”. ¿É relevante para esa futura biografía de Neira Vilas saber que desde o ano 1997, de xeito case que ininterrompido, agardaban a entrada do Ano Novo en Campelo (Poio) coa familia Regueira?

A maioría das anotacións son desa mesma natureza: un peregrinar por Galicia, por algunha outra rexión de España, por Cuba ou Arxentina, visitando colexios, aceptando convites (participaron, por exemplo nun concurso de bailes para a terceira idade), atopándose con amigos, asistindo a homenaxes.

Xosé Neira Vilas

Hai, porén, anotacións que, na miña estima, forman parte desa “literatura do eu” e achegan materiais importantes, moi vivenciais, a esa futura historia social de literatura galega. Rexistro, entre elas e a título de exemplos, as que se refiren ao encontro en Pontevedra con Aleida Guevara, filla do Che; a lembranza das súas relacións co mesmo Che no Ministerio de Industria do que era ministro; as reflexións que escribe o 26 de xaneiro de 1998, data na que o invisten Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña; a visita en Buenos Aires ao fogar no que fundaron a editorial e distribuidora Follas Novas; as visitas a Cuba, de xeito especial  a realizada co gallo da Feira Internacional do Libro da Habana dedicada a Galicia no ano 2008. E dunha maneira moi singular, sobre todo porque é testemuño dunha memoria emocional e conmocionada, as páxinas do Epílogo que reflicten o derradeiro día e parte da rutina diaria da súa dona Anisia Miranda. Rexistros pois, aínda que son os menos, que superan o anecdótico dun libro no que, xa que logo, non todo é prescindible.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Memorias coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s