“Mitoloxía de Galiza”: outro almacén mitolóxico

Mitoloxía de Galiza

Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres

Vítor Vaqueiro

Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 571 páxinas.

 

Este libro ten a súa orixe na Guía da Galicia máxica, mítica e lendaria que no ano 1998 publicou Vítor Vaqueiro en Editorial Galaxia. Mais variou o contido, atendendo ás novidades aparecidas nestes trece últimos anos, e tamén á estrutura do volume. O libro do ano 1998 pretendía ser un roteiro polo mundos galegos da maxia, do mito ou do conto marabilloso. Pola contra, Mitoloxía de Galicia articúlase como un dicionario con 346 entradas principais, conectadas mediante ligazóns con outras do seu mesmo campo mítico. Advirte aos lectores Vítor Vaqueiro que nas páxinas deste volume atoparemos narracións tan fabulosas como a pasaxe do Mar Vermello do relato do Xénese, malia que o costume ou o poder que a Igrexa exerce sobre a sociedade e a cultura, nos faga acreditar que, se unha muller pertencente ao corpus cristián voa, estamos en presenza da Asunción da Virxe María, pero “se quen o fai fica excluída de dito corpus, achámonos perante unha meiga que voa para o aquelarre”.

Un bo aviso para nos mergullar nesta Mitoloxía de Galiza que acubilla nas máis de trescentas entradas outro grande almacén da nosa mitoloxía. E malia que a acollida non conteña elementos de análise ou de interpretación, senón soamente de exposición e vulgarización, constitúe o noso imaxinal, o imaxinario simbólico galego, asentado en pegadas inmemoriais. Velaquí, pois, as simboloxías culturais (non as esenciais etnometafísicas, se nos queremos entender coa linguaxe dos pensadores postjungianos do Círculo de Eranos), que veñen moi de lonxe, arroladas no mundo das fantasías dun país de dous mil anos de memoria, transmitidas en narracións quer de xinea popular a través da oralidade, quer en relatos literarios ou relixiosos escritos.

Vítor Vaqueiro

Con efecto, nas sabias exposicións divulgadoras desta Guía cóase a inmensa fervenza dos seres míticos galegos e das criaturas do transmundo que compoñen a cerna da nosa simboloxía. Na mesma aprendemos a non perdernos nun universo máxico ateigado de néboas mestas, lubicáns, mouros e mouras gasalleiros e o nubeiro. Aprendemos tamén a fuxir do Abantaxo, do afillado do demo, do paxaro da morte, da cabra do ar, do Canouro, dos encantos dos castelos de “Irás e non voltarás”, da Chuchona, do home das bubas, do demachiño, da Estadea, da Maruxaina, do Olláparo, do Rabeno, de Brancaflor e de todas as fillas do demo. Sérvennos as entradas desta Mitoloxía para empregar o Escalote contra as meigas e a bolsa dos adobíos contra o enganido. Guíanos para non perdernos no mar limiar, arraiano do Alén; para contemplar con Ith os “catro cadrantes”, unha sombra na distancia e louvar a terra irlandesa; para camiñar por riba das augas con Luciña do río; para rebelarnos con María Castaña e admirar as meigas todas de Cangas, netas de María Soliño. Ensínanos  cómo achegarnos a territorios máxicos coa Sociedade do Óso; a amar a Aimirgin, a Ana Manana, o Apalpador, as Oureanas, o Pataqueiro e a Pedro Chosco. E tamén a celebrar o noso Samaín e con el a eternidade, o instante no que o tempo fica detido.

Un Diccionario, pois, que nos desvela a enorme riqueza e fondura da mitoloxía de noso e que serve, entre outras cousas, para decatármonos unha vez máis da verdade do dictum cunqueirán: “Somos a metade soño”. O que equivale  a dicir que o transmundo, a maxia e o prodixio forman parte da vida cotiá da Galicia rural e mariñeira, sen que sexamos infieis “ao curso da matería”, como dixo o noso poeta.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Dicionarios coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s