“Viaxeiros por Galicia”, o que pensan de nós

Viaxeiros por Galicia

Xan Arias-Andreu Rodríguez

Tradución:Enrique Sánchez Rodríguez

Editorial Trifolium, Iñás-Oleiros, 2011, 283 páxinas.

“Páxinas vivas que nos amosan unha sociedade moi distinta a que aparece nos libros de historia”. Así define Xan Arias, editor, autor da selección de textos e das introducións, o contido deste libro, Viaxeiros por Galicia, que  Editorial Trifolium vén de editar na súa colección de viaxes, “Lume de Leña”. Unha escolma de relatos que ten a súa orixe nos artigos que Xan Arias publicou semanalmente nun suplemento dun xornal galego entre os anos 1993 e 1996. Agora aparece a versión galega do libro que recollía aqueles artigos, en tradución de  Enrique Sánchez Rodríguez.

Galicia foi desde a Idade Media meta secular de camiñantes e viaxeiros. Os camiños que levaban a Compostela encheron de viaxeiros as corredoiras galegas. A épica do camiño que atraeu desde tempos medievais a heroes e a viláns,a aquel balume de santos, de humildes xacobeos prendidos na fe do carboeiro, pero tamén de camorristas, “clerici vaganti”, toda a gallofería de Europa aos que retrata  Aymeric Picaud nesa primeira guía para camiñantes, o Liber peregrinationis, con cuxas advertencias e consellos enceta Xan Arias un volume polo que transita unha manchea de visitantes, coñecidos uns, simples e humildes viaxeiros outros, que testemuñaron por escrito verbo do que aquí viron, sobre nós, a nosa peculiar forma de ser, a nosa paisaxe e a nosa cultura, tanto a material como a inmaterial.

Viaxeiros heteroxéneos, poetas, comerciantes, guerreiros, eclesiásticos, malandrís, emisarios diplomáticos, investigadores científicos, visitantes románticos buscadores do exótico. De todos eles hai representantes neste libro, consonte cos criterios selectivos do autor. Outros ficaron fóra por mor da mesma arela selectiva.

Todos eles radiografan de maneira poliédrica nos seus relatos, cartas, guías para camiñantes… a nosa idiosincrasia, as curiosidades que observaron nos nosos devanceiros ou mesmo na nosa fauna, como esas “bestas salvaxes moi perigosas” que atopou  Mártir, un bispo armenio na ribeira dereita do Eufrates  que realizou a viaxe a Galicia en 1491.

Xan Arias

Xan Arias aconséllanos dous retratos de Galicia: a ollada profunda da escritora británica Annette Meakin que nos visitou nos primeiros anos do século XX e que, malia o seu interese polo noso país, non esquece que en Galicia os labregos están oprimidos polo mal goberno, pola usura e pola propia ignorancia, e os monumentos medievais encóntranse  nun estado de completo e triste abandono. Outra imaxe significativa de Galicia é a de Manuel Azaña. No verán de 1918, o político e intelectual visitou Galicia, deixando escrito un conciso diario ateigado de fermosas descricións evocadoras, por veces cunha grande economía lingüística (Coruña: “Teimosía no aloumiño do vento”; Vigo: “Cara ao mundo polo océano”), pero tamén de xuízos valorativos moi críticos, mesmo co daquela incipiente uso literario do galego (“Agora que se fala en todos os lugares de renovación, a renovación galega -que só pode ser: anticaciquismo e reforma agraria- quere revestir formas pedantes e estériles e comeza a reivindicar a lingua de seu”, páxina 157).

O antólogo de todos estes textos acompáñaos de prosas introdutorias ou contextualizadoras, claras e transparentes, que teñen sobre todo a virtude de non estorbar a lectura dos documentos orixinais, permitíndonos gorentar o seu frescor,  a súa visión tópica e superficial ou  a súa profundidade reflexiva. Porque de todo hai neste calidoscopio que forman as prosas dos que nos visitaron ao longo dos séculos.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Critica literaria, Relato de viaxes coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s