Grial, número 187: análise da lectura dixital

 Grial, Revista Galega de Cultura

Número 187, tomo XLVIII

Editorial Galaxia,Vigo, 2010, 155 páxinas.

 

Foi e segue a ser un dos grandes referentes e voceiros da cultura galega. Durante moitos anos, en solitario. Hoxe compartindo angueiras cun exiguo número de publicacións periódicas de xorne cultural-académico. Fundada en 1951, unha suspensión administrativa obrigouna a gardar silencio durante máis de dez anos. Porén , desde a súa reaparición en 1963, non deixou de publicarse. Baixo a dirección de Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Carlos Casares e a parella Víctor Freixanes e Henrique Monteagudo arestora, Grial  continúa a manter o mesmo espírito universal, impronta dos seus fundadores: ser canle da actividade cultural galega e tender pontes para que a cultura universal penetre en Galicia.

 Grial acada con este o número 187 -o último é o 190- cun contido que honra ese espírito porque pacta no monográfico desta edición cun dos grandes temas e inquéritos da revolución dixital: a lectura dixital. As novas maneiras de ler, esa cultura que ten, xaora, no libro o soporte que marca o canon, constrúe e lexitima. A aparición da World Wide Web fará que haxa un cambio radical nos medios e nas formas do espallamento da cultura, nos modelos de comunicación. Os soportes e programas para a lectura electrónica penetran de xeito acelerado no mercado e tamén nas nosas vidas. “¿Canto hai de consumo ( estratexia de mercado) e canto de transformación radical (novo paradigma)?”, pregúntase Víctor Freixanes na “Carta do Director”.

Achégannos coas súas reflexións  a esta nova realidade, Manuel Bragado (“O dificil camiño do libro dixital galego”). Un estudo e unha reflexión que nos aproximan ao novo paradigma comunicacional: o da literacidade electrónica globalizada (“un novo tipo de lectura urdida  coas utilidades que lle son propias á prosa electrónica”), partindo dos precedentes en galego desta nova literacidade: O portal Vieiros (1996), Ximanasio de Akademo de Manuel Forcadela, as experiencias de Camilo Franco e Andel virtual, entre outros.

Domingo Docampo (“Sobre a lectura dixital”) analiza o futuro da lectura dixital e o do libro tradicional, lembrándonos que a historia da lectura dixital atópase nos seus albores. Grial traduce un artigo de Robert Darnton, director da Biblioteca Universitaria de Harvard, no que se aborda o preito que a sociedade de autores e editores de Europa e América presentaron contra os propósitos de Google de monopolizar a lectura dixital mediante a dixitalización de millóns de libros, na procura dunha biblioteca universal accesible na Rede.

Daniel Cassany (“Viño e botellas con lectura e libros”) reflexiona verbo dalgunhas das solucións, en proceso de construción, tendentes ao aproveitamento das posibilidades de lectura electrónica e dos recursos tecnolóxicos. As novas formas de degustación do mesmo viño ou doutros aínda mellores.

Pecha o monográfico Carlos Lema (“O libro perfecto”). O poeta, pensador e editor fai un percorrido desde as formas máis primitivas do libro e da escrita ata a máquina perfecta, o libro electrónico. Nunha análise  profunda que se abeira á “semiótica do libro” e mesmo a unha filosofía do acontecemento-lectura, conclúe  Carlos Lema que o libro electrónico é perfecto porque se pecha sobre si mesmo, aprópiase de todos os textos, cousa imposible para o libro impreso. “É un colector sen límites no que entra todo” ( páxina 49), sen marxes, sen acabamentos.

Completan este número de Grial as xa familiares seccións de Documentos, Temas do Noso Tempo, Creación, O Espello das Letras, Crónicas, Artes da imaxe, Música, Comunicación e sociedade. Unha interesante conversa con Demetrio Bilbatúa, unha das grandes figuras da actual cinematografía documentalista mexicana, de orixe galega, ponlle o ramo a este número de Grial que nos mergulla neste novo mapa cognitivo, que diría Frederic Jameson, que é  a lectura dixital e que quizais soamente sexa un prólogo.

Advertisements

About Francisco Martínez Bouzas

Crítico literario
Estas entrada foi publicada en Ensaio, Revistas e cadernos coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s